Que foliada tivemos onte na Biblioteca os alumnos e as alumnas de 1º ESO!
Rebeca e Leticia viñeron a animala coa súa conversa, música e baile.
Explicáronnos que é unha foliada, definíndoa como unha festa propia de Galicia con música vocal e instrumentos percusivos coma a pandeireta, que ten unha presenza moi destacada. Antes, as foliadas eran xuntanzas nas que xente de diferentes lugares se divertían; cadaquén co seu xeito de tocar, bailar e cantar. Todas as persoas tiñan que saber bailar e tocar algo, para poder facer relevo durante a festa. Pero a transmisión rompeuse e agora andamos ás voltas para recuperala.
Leticia López comezou coa técnica da pandeireta, ensinándonos os ritmos máis básicos (movemento do abano, que se usa moito no pasodobre, na rumba e no maneo, e o movemento do xiro de pulso na jota, rumba e muiñeira). Ao principio parecía complicado, pero pouco a pouco fómonos soltando, e acabamos practicando estes movementos mentres cantabamos a Rumba de Berdoias e a Muiñeira da Peregrina. Que ben nos saíu!
E ... chegou o baile da man de Rebeca Tallón; con ela aprendemos os pasos da rumba que tocaramos, e os dunha Muiñeira Corrida -peza que é da zona de Bergantiños-. Despois destes bailes agarrados , botamos un baile solto: fixemos unha estrutura base de punto e volta ao ritmo de muiñeira.
E así, entre risas, bailes e pandeiretas, chegou o final desta foliada coa que o Equipo da Biblioteca quixo recrear unha recrear unha xornada chea de música, baile e tradición nestas Letras Galegas das Cantareiras.