ENCONTRO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ NO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

 “PORQUE A VIOLENCIA NUNCA É A SOLUCIÓN. ATA QUE O É”

A escritora Antía Yáñez publicou o pasado 7 de novembro o seu novo libro, O Clan das

Barbies, e hoxe visitou o Club de Lectura de Adultos Baiolendo para compartir reflexións

xurdidas da súa lectura.

A novela presenta a tres personaxes moi feridas, Alma, Carla e An, que se coñecen nunha

clínica de fertilidade e establecen unha amizade na que comparten a súa dor e o desexo de

liberarse dos seus opresores. Son conscientes de que todo sacrificio ten un límite e deciden

vingarse da sociedade que as maltratou. “A moitos non lles queda nada máis que a violencia. Ás

veces está xustificada” comentou Antía.

Na obra descríbense algunhas das situacións nas que a condición feminina é tratada de

maneira violenta, discriminatoria, abusiva, non só por parte dos homes, senón por parte das

institucións, dos poderes, da sociedade en xeral. Situacións que acontecen nunha hipotética

sociedade futura, pero que suceden igualmente hoxe e existiron no pasado.

Entre os e as asistentes estableceuse un interesante debate sobre se era lícito ou non

que o e as protagonistas rachasen coa violencia esa situación de maltrato; sobre como se

reacciona cando unha persoa chega ao límite; sobre se a violencia pode estar ou non xustificada

ou sobre as distintas maneiras de exercela por parte dos homes e das mulleres. A posta en

común das reflexións vertidas enriqueceron, unha vez máis, a lectura individual.

Un libro de lectura áxil, no que se van acumulando tensións que culminan nun estalido

de violencia inevitable coa que autora quixo demostrar que tamén as mulleres poden usala para

ir contra a sociedade que a utilizou contra elas.