Abril Camino acompañounos esta tarde no Club de Lectura de Adultos para presentar e falar en torno ao seu libro Mulleres que viven xuntas, que foi galardoada co XLII Premio Xerais de Novela.
Mentres compartíamos un café e uns doces propios destas datas de Nadal, comezou explicando o por que usa un seudónimo nas súas obras, para despois pasar a compartir con nós as motivacións que a levaron a escribir esta novela, na que se visibiliza a historia de amor entre Chus e Isabel, dúas mulleres da xeración da posguerra española.
Esta é unha novela de pares: dúas mulleres, dous tempos (pasado e presente), un narrador en terceira persoa e outro en primeira persoa...Chus e Isabel son parella pero, á vez, son dúas persoas contrapostas; unha leva impresa a represión da sexualidade e a outra vive máis afastada dos prexuízos alleos.
Como a mesma autora manifesta, estamos ante unha historia máis común do que a sociedade quere admitir e cremos que a súa lectura contribúe a normalizala.