ACHEGÁNDONOS Á POESÍA ORAL POPULAR DA MAN DE NURIA VIL

 Se na Semana Cultural o alumnado de 1o ESO aprendía a dar os primeiros toques na pandeireta e a practicar pasos sinxelos do noso baile tradicional, hoxe puxéronse mans á obra para crear as primeiras coplas, inspirándose nas que compoñían as cantareiras.

A encargada de guialos neste obradoiro que tivo como tema central a literatura de tradición popular foi Nurial Vil, artista multidisciplinar que traballa en diversos proxectos nos que a poesía transcende máis alá da escrita.

Antes de que rapaces e rapazas compuxesen as súas creación poéticas, a poeta realizou  unha dinámica de grupo chamada “termómetro”, coa que lles propuxo unha serie de preguntas para que reflexionasen sobre o tema. Algunhas das cuestións foron: cantos deles e delas falaban galego de xeito habitual, que entendían por cambio lingüístico, se crían que todas as cantareiras sabían ler e escribir ou cantas veces se homenaxeou a mulleres nos 63 anos de celebración do Día das Letras Galegas (6 veces fronte ás 57 que foi dedicado a homes).

Despois, leu varias coplas e mesmo se animou a cantar algunhas. Finalmente, convidou ao alumnado a escribir en grupo as súas propias composicións seguindo unhas pautas establecidas. Aínda que non houbo tempo para ler ou cantar todas as creacións, comprobamos que algunhas quedaron ben xeitosas, o que demostra a gran habilidade do noso alumnado nesta arte popular.








TRAS AS PEGADAS DE LABARTA POSE EN BAIO

 Na recta final da Semana Cultural continuamos a achegar ao alumnado a figura de Enrique Labarta Pose. Nesa ocasión, a través dun roteiro literario realizado polos rapaces e as rapazas de 3º ESO, e guiado por Ricardo Vigueret, que foi ofrecendo, ao longo do percorrido, explicacións e comentarios sobre a traxectoria vital e literaria do escritor.

A nosa primeira parada foi o Centro Sociocultural de Baio, onde visitamos a exposición permanente do Labarta Pose e Leticia leu un dos seus poemas máis coñecidos “Probe gaiteiro de Baio”. Tamén visitamos, no piso superior, a exposición itinerante sobre a súa vida e obra. Aproveitamos a ocasión para ver a documentación sobre Francisco Romero de Lema, tamén escritor baiés e un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos.

O seguinte destino foi o colexio que leva o nome do insigne poeta, fronte ao cal Ricardo lembrou as obras teatrais do autor representadas polo alumnado do centro ao longo dos anos. Nesta ocasión foi Sara a encargada de ler o poema “Non falés o galego”.

O próximo punto foi a Praza Labarta Pose, situada fronte á súa casa natal. Na praza Nuria leu “N´hai mellor vida ca do labrego”, e Henry, á porta da que fora a súa casa natal, “A festa da patrona de Tabeirón”.

No lugar da Igrexa de Santa María de Baio Pequeno e fronte ao cemiterio, no que Sabela leu a composición “Que me enterren aló” , concluímos un percorrido para honrar a figura do autor e poñer en valor a súa vinculación coa terra, coa lingua e coa cultura.





















LELUCHA E MARÍA, VOCES DA NOSA TRADICIÓN POPULAR

 

Unha das citas máis esperada e emocionante da nosa Semana Cultural foi a protagonizada, no día de hoxe, por dúas mulleres do noso concello, María Silva, de Langueirón e Manuela Ángela Tomé (Lelucha), de Muíño, que compartiron co nós a súa arte, a súa experiencia e a súa paixón pola música e a poesía popular.

As dúas cantareiras abriron o acto cunha pandeirada enchendo o ambiente de música. A continuación comezou unha charla distendida co alumnado e co profesorado presente, na que soubemos que aprenderon a tocar a pandeireta e a cantar de xeito natural nas súas casas, simplemente escoitando. Que naqueles tempos non tiñan pandeireta propia, así que, xuntábanse varias para mercar unha e compartíana nas foliadas.

Comezaron a tocar aos 14 ou 15 anos aproximadamente; Lelucha dixo que pasou case corenta anos sen tocar porque casou, tivo fillos... e que despois retomou con naturalidade aquilo que nunca deixou de ser parte dela. Un ritmo que lles gusta moito e que lles fai rir é o “chiquichi”, pero tamén gozan moito co vals ou a rumba. As nosas invitadas tamén compartiron con nós que saíron en programas recoñecidos como Luar ou Alalá e, mesmo nos revelaron un segredo: mañá venres María ía estar no Luar!

Foron animando a charla coa interpretación de distintas pezas tradicionais que fixeron que algúns dos presentes non puidesen evitar botarse a bailar. Armouse unha nova foliada na Biblioteca: música, baile, cantares populares e moita alegría para celebrar as nosas raíces.

Sentimos a ausencia de María Souto, outra das voces do lugar da nosa tradición popular, e que non nos puido acompañar porque se atopaba indisposta.






















DE CAMIÑO Á FOLIADA

 

Que foliada tivemos onte na Biblioteca os alumnos e as alumnas de 1º ESO! 

 Rebeca e Leticia viñeron a animala coa súa conversa, música e baile.

Explicáronnos que é unha foliada, definíndoa como unha festa propia de Galicia con música vocal e instrumentos percusivos coma a pandeireta, que ten unha presenza moi destacada. Antes, as foliadas eran xuntanzas nas que xente de diferentes lugares se divertían; cadaquén co seu xeito de tocar, bailar e cantar. Todas as persoas tiñan que saber bailar e tocar algo, para poder facer relevo durante a festa. Pero a transmisión rompeuse e agora andamos ás voltas para recuperala.

Leticia López comezou coa técnica da pandeireta, ensinándonos os ritmos máis básicos (movemento do abano, que se usa moito no pasodobre, na rumba e no maneo, e o movemento do xiro de pulso na jota, rumba e muiñeira). Ao principio parecía complicado, pero pouco a pouco fómonos soltando, e acabamos practicando estes movementos mentres cantabamos a Rumba de Berdoias e a Muiñeira da Peregrina. Que ben nos saíu!

E ... chegou o baile da man de Rebeca Tallón; con ela aprendemos os pasos da rumba que tocaramos, e os dunha Muiñeira Corrida -peza que é da zona de Bergantiños-. Despois destes bailes agarrados , botamos un baile solto: fixemos unha estrutura base de punto e volta ao ritmo de muiñeira.

E así, entre risas, bailes e pandeiretas, chegou o final desta foliada coa que o Equipo da Biblioteca quixo recrear unha recrear unha xornada chea de música, baile e tradición nestas Letras Galegas das Cantareiras.