BOOKWORMS BOOKCLUB

   

    


 Neste curso 2024/25 o Equipo da Biblioteca en colaboración co Departamento de Inglés está a desenvolver un proxecto de Club de Lectura de Inglés con alumnado de 1º, 2º 3º e 4º de ESO, no que participan un total de 31 alumnos e alumnas. Neste  Club de Lectura estanse a ler libros de literatura non adaptada  
(“Bookworms Bookclub”) que se lerán ao longo de todo o curso académico.

     Cada libro ten o nome de cada alumno/a na primeira páxina e unha tarxeta, para facer un seguimento de cada reunión, pegada ó libro cunha cinta adhesiva cunha mensaxe en inglés. O alumnado ten unha pequena tarefa individual que traen preparada para as reunións xa que son enteiramente en inglés. As primeiras reunións deste mes están a ser moi enriquecedoras e dinámicas; esperamos que continúen sendo así.

    Xunto co libro, fíxose entrega dun kit de benvida nunha bolsiña na que atoparon un marca páxinas cunha mensaxe en inglés facendo referencia á importancia da lectura, un lapis con goma para poder anotar vocabulario, ou o que queiran no propio libro, uns post-it transparentes, que permiten subliñar sen marcar as páxinas, e uns doces para dar enerxía. Ademais, en cada reunión reciben un adhesivo cunha mensaxe en inglés que fai referencia á importancia de ler.

    Dende o Equipo da Biblioteca e máis dende o Departamento de Inglés queremos dar as grazas ás familias implicadas xa que o libro foi comprado polo alumnado. Con esta idea preténdese que o alumnado se achegue á literatura e á cultura inglesa e cree unha biblioteca persoal no seu fogar.