A elección do libro que abriu as sesións do Club de Lectura de 1º ESO foi todo un acerto: O corazón das casas de An Alfaya.
Na primeira sesión propuxémoslles aos membros unha actividade inspirada na protagonista, Eli: realizar uns debuxos a partir dunha enquisa coma as que ela facía ás persoas que querían mercar as casas que reformaban seus pais, ao tempo que vivían nelas. A proposta resultou moi ben acollida e serviu para conectar co libro desde o comezo.
Como é habitual nas nosas xuntanzas, acompañamos as reflexións sobre a lectura cun pequeno petisco -compartimos granadas -froita que algúns probaban por primeira vez-, queixo de San Simón, xamón e chourizo do país ou biscoitos. Mentres tanto, a conversa ía fluíndo arredor da trama, dos personaxes e das partes que cada quen quería destacar.
A forma de vida de Eli e da súa familia pareceulles moi peculiar. Colléronlle especial agarimo ao xardineiro Sebastián e á tendeira Candelaria, pero sobre todo empatizaron con Eli, coa súa maneira de ser e co que sente ante a visión dunha pantasma: Mencía, unha nena misteriosa que se acanea nun bambán, da que coñeceremos a súa historia e que se converterá na súa amiga.
A oración “todas as casas teñen un corazón e cada corazón agocha un segredo” inspirounos para facer a foto final ao remate da lectura: Cada membro do club tiña que traer un obxecto especial que gardase un significado persoal, como as casas do libro.
Foi unha lectura que emocionou, chea de intriga, con mestura entre realidade e imaxinación que os conquistou desde a primeira páxina. An Alfaya destacou, unha vez máis, polo seu estilo poético e evocador, deixando pegada na rapazada lectora.