A SEMANA CULTURAL DO NOSO INSTITUTO

 A Semana Cultural do noso centro celebrouse entre o 18 e o 20 de maio e dende a Biblioteca organizamos algunhas actividades para celebrala entre as que se atopaban o cine, a poesía e a fotografía.

                         FOTOGRAFÍA: UNHA ARTE NA RÚA 

 Nesta ocasión alumnado de 1º Bacharelato A tivo a oportunidade de visionar o tan premiado e formidable filme Cara e Lugares realizado en colaboración entre a veterana directora Agnès Varda e o artista gráfico urbano e fotógrafo Jene René, coñecido polas súas impactantes obras visuais en rúas e tellados de diversas cidades de todo o mundo. Imaxinas ver unha foto túa na fachada da túa casa ou nun inmenso muro de teu barrio? Pois neste documental se amosa a arte da rúa e, directora e artista emprenden unha viaxe para inmortalizar os esquecidos con fotografías enormes. Máis que unha mera decoración estas obras buscan facerlle unha homenaxe a xente común. Un filme entrañable, engaiolante, a veces divertido, a veces melancólico que deixou ao alumnado cun sorriso no rostro.







DORES TEMBRÁS : POESÍA E NATUREZA


Dende a Biblioteca organizamos tamén para a Semana Cultural o obradoiro Poesía e Natureza impartido pola poeta e investigadora Dores Tembrás e dirixido ao alumnado de 1º de ESO.

A poeta, baixo a sombra das árbores do xardín, transmitiulle ao alumnado o seu entusiasmo pola palabra e profundou no concepto de poesía e dos segredos do mecanismo do poema. Despois de recitarlles algúns poemas, foi a quenda dos rapaces e das rapaces que crearon as súa propias composicións guiados/as polas verbas da autora e relacionados coa natureza da que gozaban.



FOTOGRAFÍA PAISAXÍSTICA

O alumnado de 1º de ESO participou o primeiro día da Semana Cultural nun obradoiro de Iniciación á fotografía paisaxística impartido polo cormelán Andrés García, máis coñecido por Drew Korme e gañador do certame internacional Milky Way Contest da web 35 Awards grazas a unha imaxe da Vía Láctea sobre o faro Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora.

Iniciaron o obradoiro cunha andaina pola fermosa paisaxe que hai desde o Centro ata a Carballeira de Baio; polo camiño xa lles foi ensinando diferentes técnicas de fotografía e como potenciar o uso do teléfono móbil para realizar fotos tan excelentes como se fosen tiradas cunha cámara fotográfica.

Centrouse nas seguintes técnicas importantes para a realización dun retrato paisaxístico: a regra dos 3 terzos, a técnica do macro e a do enfoque próximo á natureza. Tamén lles comentou que non deberían usar o modo automático, que tiñan que aprender a usar a intensidade e iluminación do móbil.

Despois da explicación de cada técnica, o alumnado contaba con quince minutos aproximadamente para poñela en práctica e preguntar dúbidas. Rapaces e rapazas quedaron entusiasmados/as co obradoiro e coas nocións aprendidas durante o mesmo e que levarán á práctica sempre que saquen unha foto.