Avalon High de Meg Cabot

        


Ao ser esta unha novela que recrea a lenda do Rei Artur na actualidade, os membros do Club de Lectura de Inglés puideron gozar dunha mestura de aventura, fantasía e reflexión sobre personaxes míticos nun contexto moderno. Ademais, ao convidar ao alumnado a ler sobre a lenda orixinal e comparar os personaxes, afondaron no seu coñecemento da cultura anglosaxoa, os seus mitos e tradicións. Isto permitiulles non só entreterse, senón tamén aprender e conectar diferentes épocas e culturas a través da historia e dos personaxes. En definitiva, foi unha experiencia que combinou a diversión coa aprendizaxe cultural e literaria.


EL ROSTRO DE LA SOMBRA DE ALFREDO GÓMEZ CERDÁ

  


     Participar nun club de lectura é sempre unha experiencia enriquecedora, pero cando os lectores son adolescentes e o libro é El rostro de la sombra de Alfredo Gómez Cerdá , a reflexión vai máis alá da simple lectura: convértese nun espello da realidade.

    Este libro, áxil e directo, provocou nos membros do club debates intensos sobre a responsabilidade, as consecuencias dos actos e o impacto das redes sociais nas nosas vidas. A historia de Adrián e os seus amigos, que deciden gravar unha acción sen pensar nas consecuencias, fíxonos pensar no poder dunha decisión tomada en segundos e na súa pegada duradeira.

    A lectura, feita en grupo, permitiu diferentes interpretacións: algúns empatizaron cos protagonistas, outros foron moi críticos coas súas accións. Pero todos recoñecemos un punto común: a necesidade de reflexionar antes de actuar.

BOOKWORMS BOOKCLUB

   

    


 Neste curso 2024/25 o Equipo da Biblioteca en colaboración co Departamento de Inglés está a desenvolver un proxecto de Club de Lectura de Inglés con alumnado de 1º, 2º 3º e 4º de ESO, no que participan un total de 31 alumnos e alumnas. Neste  Club de Lectura estanse a ler libros de literatura non adaptada  
(“Bookworms Bookclub”) que se lerán ao longo de todo o curso académico.

     Cada libro ten o nome de cada alumno/a na primeira páxina e unha tarxeta, para facer un seguimento de cada reunión, pegada ó libro cunha cinta adhesiva cunha mensaxe en inglés. O alumnado ten unha pequena tarefa individual que traen preparada para as reunións xa que son enteiramente en inglés. As primeiras reunións deste mes están a ser moi enriquecedoras e dinámicas; esperamos que continúen sendo así.

    Xunto co libro, fíxose entrega dun kit de benvida nunha bolsiña na que atoparon un marca páxinas cunha mensaxe en inglés facendo referencia á importancia da lectura, un lapis con goma para poder anotar vocabulario, ou o que queiran no propio libro, uns post-it transparentes, que permiten subliñar sen marcar as páxinas, e uns doces para dar enerxía. Ademais, en cada reunión reciben un adhesivo cunha mensaxe en inglés que fai referencia á importancia de ler.

    Dende o Equipo da Biblioteca e máis dende o Departamento de Inglés queremos dar as grazas ás familias implicadas xa que o libro foi comprado polo alumnado. Con esta idea preténdese que o alumnado se achegue á literatura e á cultura inglesa e cree unha biblioteca persoal no seu fogar.

INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA A SOCIEDADE

 


     Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, profesores de ensino secundario no noso centro veñen de publicar o libro Intelixencia Artificial para a sociedade, o primeiro libro en galego sobre IA educativa, co apoio de Medulia Editorial. 

     Ferramenta moi interesante para o profesorado que imparte a materia "Intelixencia Artificial para a sociedade" e para calquera persoa que queira iniciarse no mundo da IA educativa. Cubre un baleiro existente e pode ser de grande axuda. 

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

 


Campaña solidaria de Nadal


Un ano máis o Equipo da Biblioteca e máis o alumnado que cursa Relixión en 2º Bach, pon en marcha a Campaña Solidaria de Nadal. 

Convidámosvos a colaborar.



DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: DECEMBRO

 

Pílula informativa mes de decembro:

Velaquí vos deixamos  unha pequena mostra de alimentos frescos que se producen na nosa contorna no mes de decembro cos que podemos axudar a acadar unha menor pegada ecolóxica ao reducir os custos ambientais. Ademais vai acompañada dunha nova pílula informativa para que todos e todas reflexionemos sobre esta cuestión:

Uso eficiente de recursos: Os alimentos locais están na súa tempada óptima, o que implica que se cultivaron en condicións máis naturais e eficientes. Iso evita o uso excesivo de enerxía, pesticidas e fertilizantes que se empregan a miúdo para producir alimentos fóra de tempada ou en condicións non ideais.