A escritora María Canosa mantén un encontro animado co alumnado de 1º ESO


   

    A biblioteca do IES Maximino Romero de Lema segue coa celebración do seu Mes do libro e, no día de hoxe contou coa visita de María Canosa, que se achegou  ao centro para compartir co alumnado de 1º ESO unha charla sobre Saínza, a Punkiereteira, un álbum ilustrado escrito por ela e con ilustracións a toda cor de Crisan F. Caruncho.

    Despois da presentación da autora por parte de dous alumnos, Adrián e Leticia, tomou a palabra a autora e comezou dando as grazas: polo simple feito de ler, xa que esta acción supón un esforzo, sobre todo hoxe cando hai tantos entretementos que non o esixen. Desexa que ese esforzo obteña a súa recompensa no gozo do alumnado. Animou a que non deixen de darlles oportunidades aos libros. 

    Nunca pensou en dedicarse a ser escritora: como súa nai -Concha Blanco- escribía, ela tamén o facía de forma natural, porque lle gustaba moito, cando se aburría....era un divertimento máis.  Aínda no caso de que ninguén a lese, ela seguiría escribindo porque lle fai reflexionar sobre si mesma e sobre o que lle preocupa. Recoñeceu tamén que non escribe do mesmo xeito cando o fai para os lectores como cando o fai para si mesma: hai un sacrificio en intentar contar algo a alguén que non coñece nada dunha historia e en quen hai que espertar o seu interese. 

    As cuestións ían definíndose coas intervencións dun alumnado interesado en coñecer a María Canosa escritora. Así, soubemos que leva escritos 52 publicados (sen contar parcipacións nin libros con outros autores e contando o que está a piques de saír - Teño un volcán dentro- V Premio Carlos Mosteiro). Que antes de comezar a escribir xa ten toda a historia na cabeza; que prefire que pasen meses para corrixirse a si mesma un escrito, para poder cambiar o punto de vista de escritora a lectora. Cando remata acostuma a poñer a data ao finalizar os seus escritos que -agás no artigos periodíscos- segue escribindo a man.

    Sobre os libros que lle gustaron moito destacou: Berta, de Concha Blanco, que a impactou, ou Cousas de Castelao, un clásico atemporal que sempre está a ler. O último libro que leu foi o derradeiro de Almudena Grandes, que lle encantou e está desexando ler A Muller Xabaril de Fina Casalderrey.

    Explicou cal foi o xérmolo de Saínza, a Punkiereteira, do que tivo claro, desde que descubriu a ilustración que a inspirou,  que a protagonista tiña que ser afouta, decidida, feminista, amante do rural e moi respectuosa cos maiores -como se reflicte na obra na relación que mantén Saínza coa súa avoa.  

    Como se pode apreciar falamos de lecturas; lecturas para desafiar os tempos de adormecemento actual. Lecturas para soñar.  Lecturas para celebrar o Mes do Libro do IES Maximino Romero de Lema.