RICARDO CARVALHO CALERO: UN PERCORRIDO POLA SÚA VIDA E OBRA


    O IES Maximino Romero de Lema, en colaboración coa Biblioteca, acolle estes días a exposición dedicada a Ricardo Carvalho Calero, unha iniciativa da Deputación da Coruña, a través da súa Sección de Normalización Lingüística.

    A mostra achéganos á figura dunha das personalidades fundamentais da cultura galega do século XX a través de diferentes paneis e ilustracións que percorren a súa vida, a súa traxectoria intelectual e literaria e o contexto histórico e sociocultural no que viviu.

    Ademais dos textos informativos, a exposición incorpora fragmentos da propia obra literaria de Carvalho Calero, que nos permiten achegarnos á súa escrita, descubrir o seu pensamento e comprender a importancia e a vixencia do seu legado.

    Un percorrido pola vida, a obra e o compromiso coa lingua e coa cultura galegas dun escritor, investigador e docente que deixou unha fonda pegada na nosa historia.

    Pódese visitar a exposición na entrada principal do IES Maximino Romero de Lema, onde permanecerá aberta ao público ata o venres 13 de novembro.

    Animamos a toda a comunidade educativa a achegarse e aproveitar esta oportunidade para coñecer mellor a Carvalho Calero e a súa contribución á cultura galega.

Coñecer a nosa literatura é tamén coñecer quen somos.