O alumnado de 4º da ESO do noso centro asistiu hoxe pola tarde a un interesante e entretido obradoiro sobre igualdade, organizado polo CIM do Concello de Zas con motivo da celebración do Día da Muller.
Durante a actividade combináronse trucos de maxia con explicacións e reflexións arredor das desigualdades que aínda viven moitas mulleres na sociedade actual. A través desta proposta dinámica abordáronse cuestións como a brecha salarial, as desigualdades no ámbito laboral ou a violencia de xénero, invitando ao alumnado a pensar e participar activamente.
O obradoiro resultou moi ameno e participativo, e o noso alumnado implicouse con interese nas distintas propostas e reflexións que se foron presentando ao longo da sesión.
Desde o centro queremos agradecer ao CIM do Concello de Zas a organización deste tipo de actividades, que contribúen a sensibilizar á mocidade e a fomentar valores de igualdade e respecto. Sen dúbida, trátase dunha iniciativa moi valiosa para conmemorar e dar significado ao Día Internacional da Muller.