23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Con motivo do Día de Rosalía, o noso instituto convida a toda a Comunidade Educativa a visitar durante esta semana a exposición “ROSALÍA: proclamar ao mundo que Galiza existe”, unha mostra que nos achega á figura universal de Rosalía de Castro desde unha perspectiva rigorosa, didáctica e actual.

A exposición, cedida pola Deputación da Coruña, composta por 20 paneis con textos de Francisco Rodríguez, conxuga tres aspectos determinantes para coñecer e valorar, da forma máis acaída, a figura e a obra da nosa autora máis emblemática:
A súa biografía, presentada a través dunha narrativa cronolóxica que nos permite seguir os momentos clave da súa vida.
O contexto histórico e socio-cultural no que se desenvolve a súa traxectoria vital e literaria.
A orientación, o sentido e a vixencia da súa obra, salientando a súa dimensión social, identitaria e literaria, e tratando de espertar o interese pola súa lectura a partir de pequenos textos da autora que convidan á reflexión.
Os textos informativos de cada panel van acompañados de ilustracións de distinto tipo —realistas ou imaxinativas— vinculadas á súa biografía, ao seu tempo histórico e aos grandes temas que percorren a súa produción literaria, en consonancia coa información ofrecida.
Esta mostra é unha oportunidade para afondar na figura dunha autora que proclamou ao mundo que Galiza existe, que dignificou a nosa lingua e que continúa a ser referente cultural e símbolo de identidade. Convidamos a alumnado, profesorado e familias a achegarse á exposición e a redescubrir a forza e actualidade da súa palabra.