CARMEN V. VALIÑA IMPARTE UNHA CHARLA SOBRE AS TOLAS QUE NON O ERAN. MULLERES NO MANICOMIO DE CONXO. 1885-1936

Hoxe, na biblioteca, o alumnado de 1º de Bacharelato, asistiu a unha charla impartida por Carmen V. Valiña,  con motivo da celebración o 10 de outubro do día da saúde mental.

Na súa charla, Carmen (xornalista, doutora en Historia Contemporánea, e antiga alumna do Centro) plantexou ao alumnado unha serie de preguntas iniciais para reflexionar sobre a suposta obxectividade da ciencia e sobre o perfil das mulleres que poderían ter rematado en Conxo, como manicomio da beneficencia que era fundamentalmente.

A partires da creación dese perfil inicial de labregas, pobres e analfabetas afondouse no perfil das "tolas que non o eran", mulleres sen unha enfermedade mental diagnosticada pero que subvertían os roles de xénero da época: nais solteiras, alcohólicas, mozas que mantiñan relacións sexuais antes do matrimonio...

Despois do debate conxunto arredor da documentación que destas mulleres se conserva no manicomio e da lectura das súas propias palabras púxose de manifesto, finalmente, que a ciencia psiquiátrica, lonxe de ser obxectiva, serviu para controlar a todas aquelas mulleres que se desviaban do camiño que a sociedade marcaba para elas.

Rematou este encontro cunhas palabras do seu libro As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936:

“Na resistencia fronte ao abuso, o cariño cara ao fillo ou a melancolía polo perdido, esas mulleres quixeron que as vísemos cos seus propios ollos: regaláronnos a súa mirada a través das paredes do manicomio, e as súas palabras para escoitar a voz das vencidas. O que queda nas cunetas da historia tamén merece ser contado, non porque vaia cambiar a sorte das que o sufriron, senón porque o que lles sucedeu a esas tolas que non o eran non pode caer no esquecemento. Debémosllelo”.