EduReferentes

 

   O Equipo da Biblioteca promoveu a participación do alumnado de 4º ESO no programa EduReferentes, un proxecto educativo posto en marcha pola asociación Executivas de Galicia, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que ten por obxectivo achegar ás aulas mulleres referentes galegas en diferentes sectores profesionais para que alumnas e alumnos teñan exemplos femininos a seguir, descubran novos ámbitos profesionais e de éxito e aprendan a identificar as súas habilidades e talentos. Divídese en charlas impartidas por dúas mulleres do directorio Referentes Galegas, obradoiros para dar a coñecer a importancia das habilidades brandas entre o alumnado e sesións de mentoría individualizada.

    Sandra Sinde, economista, emprendedora e innovadora, explicounos o seu proxecto profesional, centrado no desenvolvemento e implementación de experiencias innovadoras para transformar persoas, organizacións e territorios, destacando o proceso de xénese deste proxecto, xurdido despois de máis de 20 anos de experiencias profesionais noutros ámbitos e en máis de 10 países, que a conduciu ao seu ikigai, o punto no que se conxuga de maneira equilibrada a súa formación, as súas cualidades, os seus intereses e paixóns e as necesidades do contorno e das institucións.

    Pola súa banda, Carmen Pomar, psicóloga, profesora universitaria e deputada no Parlamento de Galicia, explicounos as singularidades dos dous ámbitos nos que traballa e como as habilidades e cualidades persoais contribúen a desenvolver o proxecto persoal e vital dunha persoa.

    A continuación, a mesma Carmen Pomar desenvolveu un obradoiro no que se explicitou o papel das soft skillsno desenvolvemento dun proxecto profesional: a empatía, a resiliencia, a tolerancia á frustración, a actitude proactiva e positiva... que son fundamentais para a busca e o desenvolvemento profesional e igual de importantes, ou máis, que a formación e os coñecementos técnicos das persoas.

    Esta iniciativa continuará cun proceso de mentoría duns alumnos e alumnas por parte dunha muller referente que se desenvolverá posteriormente noutra fase.

    Foi unha actividade moi proveitosa, que lle permitiu ao alumnado coñecer a experiencia real de mulleres moi relevantes no seu campo e recoller de primeira man uns consellos e orientacións que de seguro seránlles moi valiosos no seu futuro académico, profesional e vital.