DÍA DA MULLER DO RURAL

 Sen elas non hai olería

Este ano dende a Biblioteca conmemoramos o Día Internacional da Muller Rural e fixémolo inaugurando na entrada do Centro unha exposición pequena, pero non por iso menos importante, na que se visibiliza o labor de seis mulleres representativas da olería de Buño: Lola do Jañoto, Lolita do Sarandeo, María de Amalia, Marilá, Manuela do Mariñán e Luz de Moreira.

Neste ámbito da artesanía, como en moitísimos outros, a muller é a grande esquecida, de aí que unha vez máis a Asociación Visibles de Buño, sempre abrindo camiños en prol da igualdade, organizase esta mostra, Sen elas non hai olería, constituída por seis carteis coa fotografía da muller homenaxeada e un breve texto no que se dá relevancia ao seu papel sobresaínte dentro da artesanía galega.

15 anos leva celebrándose o Día Internacional das Mulleres Rurais, 15 anos de recoñecemento da contribución da muller no desenvolvemento agrícola, artesanal ou mariñeiro.

Os gobernos e a sociedade deben prestar atención as súas necesidades e investir nelas, buscando o empoderamento político e socioeconómico que merecen. Nós quixemos achegar o noso gran de area nesta loita dando a coñecer esta conmemoración e estas artesás comprometidas coa súa arte da nosa contorna.