Montse Fajardo explica con Invisibles a necesidade de rachar coa invisibilidade da violencia machista


            “Todas podemos ser vítimas da violencia machista”

 O IES Maximino Romero de Lema tivo a sorte de contar hoxe cunha visita moi especial, a da escritora Montse Fajardo, que intercambiou con nós reflexións arredor do seu libro Invisibles, que recolle o testemuño de oito vítimas de violencia machista. Un encontro que se encadra dentro dos actos que o centro realizará co gallo do 25 N, Día contra a violencia machista. 

 A autora iniciou o acto emocionada, segundo as súas propias palabras, pola sorpresa da elaboración dunha composición exposta na entrada e que para nós captaba o esencial do libro. Sentiuse conmovida tamén polo recibimento: entrou na sala, baixo o son da canción Matriarcas de Guadi Galego, e todo o alumnado e profesorado acudiu vestido de branco, simbolizando que o maltrato contra a muller é un problema de todos, de homes e mulleres. 

Despois da presentación realizada por dúas alumnas, tomou a palabra a autora e foinos explicando a orixe do libro e o que supuxo para cada muller revivir cadansúa historia segundo lla ían relatando. Fixo un percorrido polas diferentes realidades das protagonistas subliñando aspectos particulares así como o que as une: a dor das vítimas, que na maioría dos casos non son conscientes de selo, das consecuencias nos seus familiares, especialmente nos fillos e fillas; o papel da sociedade que non dá a resposta agardada; os propios corpos de seguridade que non sempre oen as chamadas de socorro... 

A escritora insistiu na afirmación de que non hai un perfil de vítima, de que a invisibilidade afecta tanto ás afectadas coma aos maltratadores.

 O alumnado interviu formulándolle cuestións e reflexións que lle suscitara a lectura do libro. Finalmente, o acto rematou cunha foto de grupo e sinaturas de exemplares. Houbo mesmo ocasión para algunha consideración emocionada dalgunha alumna debido ás situacións relatadas.

 Agradecemos ao Concello de Zas a xenerosidade na realización deste acto, co que iniciamos os actos previstos no noso centro para a conmemoración do 25 de novembro, data que deixará de ser necesaria cando as mulleres deixemos de morrer a mans de homes que son ou foron a nosa parella. Unha lacra cuxos números non deixan de escurecer o noso horizonte de liberdade e de vivirmos sen medo. Cómpre seguirmos na tarefa de educar en igualdade e concienciar ás futuras xeracións para podermos avanzar mulleres e homes e acadarmos unha sociedade máis xusta.