O IES recomenda

RECOMENDACIÓNS LITERARIAS: 

“O Principiño” (Antoine de Saint- Exupéry)

A primeira vez que o lin, non me gustou nada.
Eu tería nove ou dez anos e xa ouvira en moitas ocasións que “O Principiño” era unha marabilla. Dicíano os meus profesores, de feito, cando se falaba de libros non había vez que non preguntaran se o léramos. Algúns compañeiros levantaban a man e conversaban cos mestres sobre “O Principiño”. Coido que eu tamén me incluía na lista dos lectores de Saint-Exupéry (sen ter visto a portada na miña vida) e daba o pego debido ós debates rutineiros sobre o condenado libro. Un día, atopeino na biblioteca e empresteino sen dubidar. Era hora de descubrir aquela historia.
Quizais foi a xenreira cara o libro, pero o certo é que seguía sen entender que lle vían. Hoxe creo saber cal foi o motivo: a infancia era moi recente e por iso, aínda non a estrañaba. Desexaba ser maior e non comprendía por que aquel personaxe quería ser neno.
A segunda vez que me atopei co Principiño estaba en Secundaria e foi nunha película. Eu non tiña reparos en dicirlle a quen me preguntase que o libro non me entusiasmara demasiado. Non obstante, dinlle unha oportunidade porque houbérame gustado que aqueles mestres tiveran razón ou, polo menos, xustificación. A verdade, encantoume. O filme era unha adaptación, mesturaba o libro coa historia dunha rapaza real. A min resultoume un manual para entender “O Principiño”, como se me deran nas mans o mapa para atopar un tesouro.

Ese mesmo curso, tiven un exame obrigatorio de “O Principiño”. Nesta terceira lectura, converteuse nun dos meus libros favoritos. De nove a catorce anos só van cinco, pero nese tempo pasaran moitas cousas que me ensinaran como era a xente e a vida (e o que queda!). “O Principiño” faiche estrañar un tempo que no seu momento resultaba complicado e agora pensas que era tan sinxelo... Por sorte, aínda falta para entrar no mundo adulto (mais o tempo vai lixeiro). Este libro fai que valore o que vivo nesta época porque os problemas de agora non terán ningunha importancia cando sexa adulta e entón decatareime do fácil que era, do fácil que é.


Tráiler do filme premendo neste enlace.
Teresa Cousillas Lema, 3º ESO