ENCONTRO DOS CLUBS DE LECTURA CON ARANTZA PORTABALES

 Os clubs de lectura de 1º de Bacharelato e 4º da ESO tiveron un encontro con Arantza Portabales, aproveitando que a escritora nos visitou polo IV Mes do Libro.




VISITA DE ARANTZA PORTABALES

 Escribir unha novela é un traballo creativo fermoso pero laborioso A novela negra galega está dentro do máis importante da Literatura Europea

 O IES Maximino Romero de Lema segue coa súa programación do IV Mes do Libro.

 Desta volta, mantivemos un encontro literario con Arantza Portabales que nos falou do seu novo libro A vida secreta de Úrsula Bas.

 O máis interesante para o alumnado neste tipo de encontros é comprobar que os libros que len teñen unha motivación, teñen unha arquitectura, ás veces soterrada e non destacada todo o que se debera, de esforzo e de dedicación. Por poñer un único exemplo, a Arantza Portabales levoulle case vinte meses o traballo do libro, desde o momento en que crea o manuscrito orixinal ata chegar ás correccións de imprenta.

 A creación desta novela provocou unha fusión entre a vida da protagonista, Úrsula, e ela mesma, xa que, cando lle quedaba a última páxina por escribir, tivo a covid nun momento en que nin sequera había probas -corría o 17 de marzo de 2020- e estivo máis de quince días enferma e sen se atrever a saír á rúa, tal como Úrsula estivo retida no soto dunha casa sen poder saír. 

 A presentación da autora, a cargo dunha alumna e dun alumno, deu comezo a unha interesante exposición sobre aspectos relacionados coa escrita, cos personaxes e coas súas vivencias, como se instalan no mundo en que viven e como actúan coas demais persoas. A autora recoñeceu que este libro nace no final de Beleza vermella, pois non podía rematar ben e por iso optou por facer un novo libro. O encontro foi moi animado e permitiu descubrir segredos que pertencen aos interiores do proceso creativo da novela e deixou caer que é posible unha terceira entrega do labor detectivesco de Abad e Barroso. 

 A autora enfatizou que escribe novela negra porque quería demostrar e deixar claro que en Galicia se fai tan boa novela negra coma noutros países europeos.

 Do mesmo xeito, Arantza Portabales destacou que as redes sociais son como a praza do pobo, onde antes sucedía toda a vida en común. Non son malas mentres fagamos un bo uso. Como na vida real amosamos o bo de nós ou o que queremos ser. 

 O acto finalizou coa entrega de agasallos como agradecemento e coa sinatura de libros.















EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA

Dende a Biblioteca, e en colaboración co Departamento de Matemáticas, montamos esta exposición de fotografía matemática na que o alumnado desta materia foi o protagonista. Con esta exposición tratouse de explicar o termo "enfoque" dende o punto de vista fotográfico.

Esta actividade está encadrada no Programa Contrato Programa Innova de Fotografía que se está a desenvolver no centro.












OBRADOIRO DE PAPIROFLEXIA

 A tarde do luns, 4 de abril, tivemos a sorte de contar no centro con Teresa Otero Suárez, docente de matemáticas con máis de 40 anos de experiencia e experta en ensinar matemáticas utilizando como ferramenta a papiroflexia. O alumnado de primeiro e segundo da ESO tiveron este obradoiro no que fixeron figuras impresionantes. Esta actividade organizada dende a Biblioteca, en colaboración co Departamento de Matemáticas, encádrase dentro do espazo creativo de origami e papiroflexia que levamos a cabo ao longo deste curso. 

Foron dúas sesións na que o noso alumnado consolidou e adquiriu coñecementos matemáticos dun xeito divertido.


                                  Grazas Teresa!













FÍO MUSICAL ABRIL

 

ABRIL

Entrada da mañá: Que mal vai ter?, de Novedades

Carminha

1º recreo: Marmuradoras, de Habelas Hainas

2º recreo: Rumboia, de A Quenlla

Entrada da tarde: Pasodobles de Mallou e

Negreira, de Lume

VISITA DE HÉCTOR CAJARAVILLE

 A LIBERDADE É SEMPRE UN ACTO CONSCIENTE DE SUPERACIÓN DOS ATRANCOS 

 Héctor Cajaraville crea no espello de Denébola as condicións para avanzar en materia de igualdade

 O IES Maximino Romero de Lema comezou con forza neste 1 de abril unha nova edición do Mes do Libro: tivo a sorte de contar coa presenza de Héctor Cajaraville, que compartiu co alumnado de 3º da ESO o proceso de creación de Denébola, a Roxa. Unha obra que converte en protagonista a unha muller marcada pola superstición de ter unha cabeleira roxa e que, a pesar dos atrancos que se lle presentan, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rendas do seu destino.

 O acto iniciouse cunha presentación do escritor a cargo da alumna Noa para dar paso á estrea dun booktrailer do libro realizado por unha alumna e un alumno do curso. Isto deu pé a que o autor falase de como con Denébola, ancorada no século XVII, quixo distanciarse no tempo para denunciar as desigualdades de xénero, das dificultades que seguen a ter hoxe moitas mulleres para viviren libres. Interesante o recurso do pasado como espello do presente, a pesar dos séculos de distancia, sen que resulte un anacronismo, o cal indica canto debemos aínda avanzar. Denébola é un exemplo a seguir xa que consegue cambiar a vida que elixira o seu pai para ela -ser monxa de clausura- e gozar dunha vida chea de aventuras e con toda a liberdade. Héctor Cajaraville insistiu na importancia que adquiriu a fase de documentación e investigación para dotar dun contexto axeitado a historia de Denébola.

 O alumnado aproveitou a ocasión para manter co escritor unha animada conversa sobre múltiples aspectos da novela. Saíu un pouco de todo: o nome da protagonista, o convento de clausura, os estereotipos sobre os piratas, a homosexualide no mundo dos piratas..... Algúns dos presentes preguntáronlle se habería unha segunda parte, tanta é a curiosidade que deixa o futuro de certos personaxes da novela. 

 O acto finalizou cunha sinatura de exemplares, cunha foto en grupo e a entrega de agasallos para que lembre a súa visita ao noso centro. Unha visita que resultou agradable e moi ilustrativa, onde todos aprendemos que a literatura pode explicar moi ben o mundo e amosar o camiño por onde podemos transitar para que a realidade sexa moito máis xusta e mellor.












IV MES DO LIBRO

      IV MES DO LIBRO NA BIBLIOTECA DO IES MAXIMINO DE BAIO

A Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema de Zas celebrará, co inicio da primavera, a cuarta edición do Mes do Libro durante todo o mes do abril. O alumnado terá oportunidade de escoitar a escritores premiados como Héctor Cajaraville (que compartirá as súas reflexións sobre Denébola, a Roxa) ou Arantza Portabales (que nos falará das peripecias dos detectives Abad e Barroso en A vida secreta de Úrsula Bas), e a escritores máis novos e que comezan a ser coñecidos como Nee Barros, que virá comentar o libro Identidade, e a ilustradora e autora, Laura Suárez, que ilumina mitos e lendas que teñen como escenario máxico o Monte Pindo ou á ilustradora Sofía Fondo coñecida pola ilustración que acompañou ás Tanxugueiras. En definitiva, un programa que permitirá ao alumnado somerxerse no mundo do libro e da lectura.