CLUB DE LECTURA BAIOLENDO: CURSO 2020-21

 A lectura é na sociedade actual unha viaxe individual e solitaria.

Os Clubs de Lectura devólvennos ecos e voces durmidas. Con elas a lectura adquire unha faciana colectiva, de comunidade. Os libros espertan e cóntannos experiencias e expectativas sobre un mundo sempre complexo, sempre plural.



RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O VERÁN

Pouco a pouco imos achegándonos ao final de curso. Por iso queremos compartir con vós as recomendacións lectoras para este verán e que poidades empretalas na biblioteca para facervos coas lecturas para este tempo de lecer.

🌞🌞🌞O Equipo da Biblioteca deséxavos un bo verán 🌞🌞🌞





BAIOLENDO DESPÍDESE DESTE CURSO

Os membros do Club de Lectura Baiolendo deséxavos un fresco e lector verán. 

Queremos compartir con vós a nosa ledicia por esta fascinante  andaina literaria percorrida durante todo o curso. 

Desde aquí lles agradecemos ás coordinadoras de todos os clubs este acompañamento literario, a súa ilusión e entusiasmo pola lectura que tan ben nos souberon contaxiar.

GRAZAS E BO VERÁN!!!









Club de Letras: O coidado e a memoria

Este proxecto, coordinado pola profesora do Departamento de Lingua Galega, Hortensia Román González, pon en relación dous eidos que, en demasiadas ocasións aparecen segregados: o do coidado e o da memoria. Non se trata só de converter as persoas en dependentes; precisamente moitas delas son depositarias dunha memoria, que hoxe corre serio risco de esmorecer para sempre. Memoria dos tempos do rural, memoria dunha forma de resistir e organizar a vida (emigración...).
Iniciamos o proxecto coa realización de entrevistas por parte do alumnado a persoas coidadoras e coidadas. Froito desta iniciativa contamos con oito vídeos  moi interesantes visionados polos discentes ao ser estes proxectados nas pantallas do Centro ao que lle seguiu un debate nas titorías.
Velaquí tedes os vídeos que esperamos vos acheguen á realidade do coidado das persoas na nosa sociedade.

1. Asumindo as situacións complexas con fortaleza



2. O círculo do amor e do coidado



3. Cen anos da vida de Carme



4. A dignidade das persoas dependentes


5. A coidadora coidada



6. Axudando a ser


7. Nas fendas da memoria das mulleres



8. Axudando na casa dende pequeno



ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO "ANDAINA FOTOGRÁFICA"

 Hoxe entregamos os premios aos gañadores do concurso "Andaina fotográfica" no que participou o alumnado de 3º da ESO. 😁

⭐O 1º premio foi para María Calvo Rojo.

⭐O 2º premio levouno Alejandro Marcote Camafreita.

⭐E o 3º premio foi para María Amado Rodríguez.

Noraboa aos premiados e parabéns polas fermosas e orixinais fotografías 😀




CLAUSURA DO CLUB DE LECTURA DE 1º DE BACHARELATO

 Hoxe o Club de Lectura de 1º de Bacharelato finalizou as súas reunións conversando sobre o libro "A vida secreta de Úrsula Bas" de Arantza Portabeles. 

Ademais, aproveitaron para gozar dunha estupenda merenda e despedirse do club de lectura ata o vindeiro curso.

😄😄😄






PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2021


 Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade , fai pública a Resolución de 23 de abril de 2021 pola que se recoñece a Eva Mejuto co Premio dos Clubs de Lectura 2021. 

 
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro(2018), María Reimóndez (2019) e Andrea Maceiras (2020).
 
Eva Mejuto é unha das autoras más seguidas polo lectorado infantil e xuvenil galego. Na súa web podemos coñecer toda a súa traxectoria e todos os seus libros. Dous dos seus títulos, Memoria do silencio e 22 segundos están incluídos entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2019/2020