Encontro literario con Mª Elisa Franco Torres

 

          

  Continuamos na nosa Biblioteca coa celebración do Mes do Libro e nesta ocasión foi a nosa compañeira e profesora de Xeografía e Historia, Elisa Franco Torres, que, en dous días diferentes, falou ao alumnado de 4º da ESO e 2º Bacharelato do seu libro Pasaxes na Memoria. Historia e testimonios dos represaliados políticos no concello de Sanxenxo (1936-1950).

            A autora reflicte na súa obra as experiencias vividas polas persoas afectadas polo alzamento militar que orixinou á Guerra Civil española.  A través dunha perfecta mestura de información histórico-documental e da recompilación da memoria aínda viva, o alumnado coñeceu as vicisitudes e consecuencias da violencia represora e xenocida levada a cabo polos golpistas. Parte importante da súa charla centrouse n´A Illa de San Simón, antigo lazareto convertido en campo de concentración. O alumnado recoñeceu a realidade que describía Elisa nalgúns dos libros que leran de Agustín Fernández Paz.

            Esta monografía inscríbese na necesidade de ter conciencia histórica e coñecer o pasado máis recente da nosa historia para evitarmos repetir os erros que conduciron a un dos episodios máis lamentables do noso país.











Bibliotráiler Veleno en familia, de Rocío Leira


Con motivo da participación de Rocio Leira na III Mes do Libro, varias alumnas de 4º da ESO realizaron este vídeo de presentación da novela da que nos viña falar.

Parabéns a todas elas!




FÍO MUSICAL 19 DE ABRIL

  A música que soará durante as próximas dúas semanas será a seguinte:




Historias de intriga con Rocío Leira no IES Maximino Romero de Lema


Desde a Biblioteca do IES de Baio continuamos celebrando o III Mes do Libro. Nesta ocasión visitounos a escritora ceense Rocío Leira que nos veu falar de dous dos seus libros.

 Iniciouse o encontro literario co alumnado de 4º da ESO co que, despois de visionar un booktrailer elaborado por varias alumnas sobre o libro Veleno en familia, produciuse un animado coloquio sobre esta historia de crimes onde todos son vítimas e verdugos. Centráronse, sobre todo, nas principais protagonistas da novela que son á vez as narradoras que poñen voz a esta historia na que se aborda a situación das mulleres na sociedade rural galega e a complexidade das relacións familiares.

 Na segunda sesión a autora reuniuse con alumnos e alumnas de 3ª da ESO para comentar aspectos da súa novela recentemente publicada A afogada, -Premio de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo- que, do mesmo xeito que a anterior, logra manter a intriga no lector ata o final. Falouse da mentira, do maltrato, das relacións familiares tóxicas... máis o tema que máis reclamou a súa atención foi o das altas capacidades da protagonista que mesmo derivou nunha reflexión colectiva sobre o tratamento nos centros de ensino do alumnado con estas características.

 Agradecemos a súa presenza no noso centro e animámola a seguir escribindo historias de suspense que atrapan ao lector dende a primeira páxina. 










"Zas polo miudo" O alumnado de 2º de Bacharelato achegouse á memoria patrimonial e histórica do seu concello


 Na nosa Biblioteca comezamos este xoves a terceira edición do Mes do Libro cunha visita excepcional: os escritores Evaristo Domínguez e Xosé María Lema, moi queridos e coñecidos por ser da nosa comarca e cun grande coñecemento da mesma. Viñeron presentarnos o seu Zas polo miúdo, un exhaustivo estudo das dezaseis parroquias que constitúen o concello de Zas.    

Zas polo miúdo é un traballo pormenorizado de cada unha das parroquias partindo da súa xeoloxía e chegando ao seu patrimonio artístico, monumental, natural e paisaxístico, sen esquecer as festas ou as vivencias de persoeiros notables da zona (Os irmáns Romero de Lema, Enrique Labarta Pose, Martínez Posse) ou a presenza da comarca na literatura, sobre todo en Eduardo Pondal. Representa, polo tanto, unha marabillosa guía de viaxe no espazo permitíndonos descubrir recunchos abraiantes como as fervenzas de Rial de Abaixo e tamén no tempo, levándonos a coñecer os primeiros poboadores do concello.

En definitiva, grazas aos autores o alumnado do noso instituto puido acceder a aspectos moitas veces ignorados ou esquecidos da historia e do patrimonio de Zas. Coñecer as pegadas do pasado no presente é a mellor forma de implicarse na defensa, preservación e divulgación da memoria patrimonial e facer que se manteña viva.

O Equipo da Biblioteca agradece a xenerosa cesión de varios exemplares para a súa consulta na nosa biblioteca polo Concello de Zas.









RECUNCHO REFRANEIRO

 Esta semana o noso recuncho refraneiro está adicado ao mes do libro.



III MES DO LIBRO

 A Biblioteca preséntavos o cartel oficial do III Mes do libro do IES Maximino Romero de Lema.

Ao longo deste mes, teremos o pracer de contar con estes magníficos escritores e escritoras que nos virán presentar os seus libros.

Agardámolos con ilusión!