DESPEDIDA NO CLUB DE LECTURA BAIOLENDO


 
    Alá polo mes de setembro comezabamos a nosa andaina no Club de Lectura cunha saída á Illa da Toxa, pensada para coñecérmonos e fortalecer ese sentimento de pertenza entre os e as que compartiamos a paixón polos libros. 
    Hoxe, xoves 19 de xuño, poñemos o punto final a un curso cheo de lecturas, encontros e conversacións enriquecedoras. Reunímonos para sacar a foto de despedida, esa que quedará como lembranza dun tempo compartido, e tamén para gozar dun pequeno piscolabis. 
    Remata o curso, si...pero fican as amizades que tecemos, os descubrimentos que fixemos e todas as aventuras, emocións e amores que vivimos a través das páxinas dos libros.

Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias

 


    Rematamos o Club de Lectura de 1º ESO con Tacón, punta, tacón de Anxo Iglesias. Un poemario que nos abriu as portas a un universo imaxinativo e lúdico no que  descubrimos segredos en cada composición. Gozamos coa lectura individual, divertímonos recitando ante os compañeiros coa entoación apropiada en cada caso, mesmo con perigo de quedar sen aire nalgúns casos! Comentamos cada composición e, finalmente rematamos escribindo os nosos propios poemas, inspirándonos nalgúns dos modelos lidos nos que se mesturan elementos da cultural galega, grandes doses de fantasía, unha linguaxe próxima e popular, e auténticas acrobacias lingüísticas.

    O libro engaiolounos desde o primeiro momento: o grupo mergullouse nun ambiente de troula constante e espertou a súa creatividade a través da poesía. Ao presentarlles o libro, non parecían moi receptivos á proposta, pero despois si se amosaron abertos á seguir lendo libros deste xénero. Foi todo un éxito: fixemos empanadas, cantamos rap, practicamos piragüísmo e  baetbox, cantamos un gol, coñecemos mulleres bravas...

A AFOGADA DE ROCÍO LEIRA

 Ler A afogada de Rocío Leira no marco dun club de lectura adolescente foi unha experiencia intensa e chea de descubrimentos. A novela atrapounos dende as primeiras páxinas, non só polo misterio que envolve a historia, senón tamén pola forza das emocións que transmite, polos silencios que fala e polas feridas que desvela.

    A protagonista, co seu pasado cheo de dor e segredos, fíxonos reflexionar sobre temas tan delicados como o abuso, a soidade e a necesidade de romper o silencio. A través da lectura compartida, abrimos espazos para falar de realidades que moitas veces permanecen agochadas, mesmo incómodas, pero que é fundamental visibilizar e entender.

    A afogada non foi só unha lectura: foi unha viaxe emocional, un proceso de aprendizaxe colectiva e unha chamada a escoitar máis, a entender mellor e a nunca calar fronte á inxustiza.

    A opinión de Lola sobre este libro foi a seguinte “Ao comezar A afogada, non imaxinaba que un libro puidese remexer tanto dentro de min. A historia colleume de sorpresa, atrapoume desde o primeiro capítulo e fíxome sentir un montón de cousas: medo, rabia, tristeza… pero tamén esperanza”.

    Despois de rematar este curso podemos dicir que este club de lectura foi moito máis ca unha actividade escolar: foi unha oportunidade para medrar como persoas, para escoitarnos, comprender diferentes puntos de vista e aprender.

O DERRADEIRO IRMÁN PECHA O CLUB DE LECTURA DE 1º BACH

    


    O derradeiro irmán de Nathacha Appanah foi o libro favorito da maioría das lectoras do club de 1º de Bacharelato. Comentaron que gozaran realmente coa lectura deste libro, traducido do francés, e que a historia dos protagonistas da novela as emocionara moito.  

FALEMOS + GALEGO

 O noso centro participa nesta actividade anual co resto dos centros da Costa da Morte para reivindicar o uso do galego.



PODCAST SOBRE LABARTA POSE

 Dende o IES Maximino Romero de Lema continuamos commemorando o centenario da morte de Enrique Labarta Pose, e neste caso, Alicia, Henry, Laura, Mateo, Miguel e Sabela, dirixidos por Ricardo Vigueret, fixeron a adaptación teatral da obra A compaña, que se pode escoita no seguinte enlace:

PODCAST LABARTA POSE

LLERENA PEROZO PORTEIRO PON O BROCHE FINAL AO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

 O Club de Lectura de Adultos Baiolendo reuniuse hoxe por última vez nesta tempada para

comentar o libro Os anos tranquilos de Llerena Perozo.

Nun encontro moi apracible coa autora, esta respondeu as nosas preguntas e foi

enriquecendo as reflexións que iamos facendo con moita información de interese. Detivémonos

especialmente na protagonista María García, unha muller excepcional, procedente dunha

contorna moi humilde, que, apoiada na súa sorprendente capacidade para aprender —coa

lectura como ferramenta clave—, consegue abrirse camiño ata converterse nunha dama

distinguida, integrada nun círculo culto e acomodado. Unha muller que non dubida en tomar a

xustiza pola man para liberar da dor e da opresión a mulleres do seu círculo de familiares e

amizades.

Comentou a autora que esta personaxe provocoulle momentos frustrantes, porque ela

pensaba nunha serie de desgrazas e atrancos, pero, cando se poñía a escribir, ela saía de todos.

Tamén saíron a colación outros temas destacados, como o da emigración, a Revolución cubana

ou o espertar cultural e político de Galicia dos anos 90, vivido este último pola escritora na súa

etapa universitaria. Todo foi abordado desde unha ollada feminista, que impregna a obra na súa

totalidade e define con claridade a voz propia de Llerena Perozo.

É unha narración que atrapa desde as primeiras páxinas e propicia unha lectura áxil,

mesmo vertixinosa. Un verdadeiro canto de amor aos libros e á cultura en xeral. Un remate

excelente para o noso club de lectura, que continuará o vindeiro curso con novas experiencias

da man de figuras destacadas no panorama literario galego como Ledicia Costas, Fernando

Castro Paredes, María Reimóndez ou Abril Camino.














DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: XUÑO

                                                    


 Pílula informativa mes de xuño: 

    Neste mes de xuño a pírula informativa que queremos compartir para continuar coa nosa reflexión sobre o consumo responsable de produtos frescos e de proximidade é un consello.

       Consello para reducir a pegada ecolóxica alimentaria mediante a proximidade:

  • De haber posibilidade, cultiva os teus propios alimentos, que fará que cheguemos a unha pegada ecolóxica 0.
    En resumo, consumir alimentos de proximidade é unha forma excelente de reducir a túa pegada ecolóxica, apoiar a economía local e gozar de produtos máis frescos e nutritivos.