Comeza o VIII Mes do Libro na nosa Biblioteca

Hoxe damos comezo ao VIII Mes do Libro que celebramos con moita ilusión na nosa Biblioteca. Esta primeira xornada estivo marcada pola visita do escritor Defreds, quen compartiu o seu tempo co alumnado de 1º de Bacharelato.

O autor vigués faloulles da súa vida e da súa traxectoria como escritor, explicando como foron os seus comezos, o seu traballo con diferentes editoriais e como foi medrando tanto a nivel persoal como profesional no mundo da literatura. Ademais, tamén compartiu algunhas anécdotas que o marcaron ao longo da súa carreira, facendo a charla moi próxima e interesante.

Os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de participar activamente, formulándolle preguntas sobre a súa vida e o seu traballo, o que fixo do encontro unha experiencia enriquecedora para todos.

Queremos agradecer a súa presenza, a súa boa disposición e actitude, así como destacar a importancia destas xornadas que fomentan a literatura e o gusto pola lectura entre o alumnado.