Hoxe, luns 29 de setembro, inauguramos o Club de Lectura de Adultos. Este é xa o cuarto ano no que nos xuntamos unha vez ao mes, os luns de 15:30 a 16:30 horas na Biblioteca do Centro, e durante estes minutos facemos unha paréntese nas preocupacións e a rutina cotiás para dar paso á imaxinación, á tertulia e ás reflexións arredor dun libro.
Nesta ocasión, a autora protagonista da xuntanza foi Ledicia Costas, coa súa obra Pel de cordeiro. Neste libro, a gran Ledicia Costas introdúcenos no mundo do esoterismo e da bruxería para achegarnos unhas historias de loita, supervivencia e reivindicación da identidade persoal de dúas mulleres, ao tempo que nos facilita observar e coñecer mellor o mundo no que vivimos, e as nosas tradicións e crenzas máis ocultas, ou se cadra non tanto…
Un libro ambientado en escenarios e paisaxes reais e inspirado en persoas e feitos que existiron e se produciron moitos deles na vida real, e que, despois dun gran traballo de documentación, explicado e detallado na xuntanza de hoxe, convértese nun libro radical, hiperbólico, fatalista e moi constelación literaria, unha novela que para a autora a súa presentación “está sendo morte e resurrección, tanto no plano literario no que sucede como no momento persoal que está vivindo”.
Moitas grazas, Ledicia, @lediciacostas por facer un oco na túa axenda e compartir con nós esta bonita tarde entre flores, velas, palabras, maxia … e meigas!!