UN MINUTO DE SILENCIO

O Equipo da Biblioteca organizou para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller a lectura do manifesto O camiño da nosa vida, liberdade e igualdade pasa pola fin da violencia  seguido dun minuto de silencio por todas as vítimas. Velaquí deixamos un documento fotográfico do acto que se realizou de xeito simultáneo en todas as aulas e que recolle unha parte da lectura.


 

VISITA AO TEATRO POLO 25N

AS AVOAS DE LAXE REIVINDICAN A FIN DA VIOLENCIA MACHISTA

O Equipo da Biblioteca organizou a visita á representación teatral de O meu camiño, grupo de teatro Avoas de Laxe dentro das actividades desenvolvidas con motivo do 25N, que tivo lugar hoxe ante gran parte do alumnado do IES Maximino Romero de Lema.

O reparto intégrano na súa maioría mulleres -só hai dous actores- e están dirixidos por

Matillde Montáns e Loli Toja, esta última autora do texto orixinal.

O meu camiño é unha obra composta por 6 pezas breves nas que se denuncian

actitudes machistas da vida cotiá (As mulleres deben ser guapas, sen carácter e submisas; só se sentirán realizadas se teñen fillos; deben saber cociñar.... ).

Todo aderezado con moito humor e retranca que fixo rir ao público asistente, pero que

tamén invita á reflexión para que sexamos quen de transformar a sociedade e facela máis

igualitaria.

En resumo unha obra de empoderamento feminino que contribúe a liberarnos da

violencia de xénero. De feito a peza teatral finaliza cunha lembranza de todas as mulleres que

asasinaron este ano e coa reivindicación expresa da erradicación da violencia de xénero.

Felicitacións ao elenco de actrices e actores pola excelente interpretación e, en

especial, á Carmencita, que forma parte da nosa Comunidade Educativa.












VÍDEO DO MANIFESTO DO 25N FEITO POLO CLUB DE LECTURA

O Club de Lectura Baiolendo reivindica a Eliminación da Violencia Contra a Muller con este vídeo elaborado polos seus .

BERREMOS TOD@S:
NON Á VIOLENCIA MACHISTA!!!!



XOGO DO 25N PARA O ALUMNADO DE 2º ESO

EMPODERAR É LIBERAR:

 O Equipo da Biblioteca colocou a semana pasada no Centro unha exposición cedida polo CIM de Zas

constituída por 25 vinilos que se diseminaron polas distintas instalacións (corredores, aulas,

cafetería, Biblioteca...). Cada vinilo contén o retrato dunha muller comprometida coa

igualdade xunto cunha cita célebre realizada pola mesma.

Hoxe, dentro do marco das actividades organizadas pola Biblioteca co motivo do 25N,

o grupo de 2ºESO levou a cabo unha actividade complementaria da exposición. A encargada

de explicarlles as instrucións foi Eva, coautora da proposta didáctica, que nos visitou

acompañada de Carmela, a responsable do CIM de Zas; de Cristina, Concelleira de Igualdade

e de Pili, Concelleira de Educación. O alumnado a través do xogo puxo en valor as mulleres

representadas na mostra. Dun xeito divertido, interactuando entre si, descubrían algúns dos

vinilos dos que non se percataran con anterioridade. Rematou a actividade na Biblioteca

onde foron colocando nunha mesa as tarxetas emparelladas e, aínda deu tempo de realizar

unha reflexión en grupo sobre as mulleres e as citas que aparecen nos vinilos.

Ademais as representantes do Concello fixeron entrega dunha caixiña chea de chapas

cos retratos das mulleres que figuran na exposición. O Equipo da Biblioteca agradécelles

tanto a iniciativa educativa como o agasallo.










MANIFESTO POLO 25N


 

MURAL POLO 25N

Entre as actividades realizadas para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, destaca este mural feito polo alumnado voluntario no que aparecen 41 rostros femininos acompañados dos nomes das mulleres asasinadas ao longo deste ano.


 

VOLUNTARI@S NO 25N

 O alumnado voluntario da biblioteca estivo preparando estas semanas un mural conmemorativo polo 25N, no que aparecen os nomes das 41 mulleres asasinadas durante este ano acompañados de rostros opacos que simulan ás vítimas de violencia.












VISITA AO TEATRO POLO 25N

Entre as actividades organizadas pola biblioteca para conmemorar o 25N destaca á de ir ao teatro ver a obra "O meu camiño", interpretada pola compañía "Avoas de Laxe".



ENCONTRO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ NO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS

 “PORQUE A VIOLENCIA NUNCA É A SOLUCIÓN. ATA QUE O É”

A escritora Antía Yáñez publicou o pasado 7 de novembro o seu novo libro, O Clan das

Barbies, e hoxe visitou o Club de Lectura de Adultos Baiolendo para compartir reflexións

xurdidas da súa lectura.

A novela presenta a tres personaxes moi feridas, Alma, Carla e An, que se coñecen nunha

clínica de fertilidade e establecen unha amizade na que comparten a súa dor e o desexo de

liberarse dos seus opresores. Son conscientes de que todo sacrificio ten un límite e deciden

vingarse da sociedade que as maltratou. “A moitos non lles queda nada máis que a violencia. Ás

veces está xustificada” comentou Antía.

Na obra descríbense algunhas das situacións nas que a condición feminina é tratada de

maneira violenta, discriminatoria, abusiva, non só por parte dos homes, senón por parte das

institucións, dos poderes, da sociedade en xeral. Situacións que acontecen nunha hipotética

sociedade futura, pero que suceden igualmente hoxe e existiron no pasado.

Entre os e as asistentes estableceuse un interesante debate sobre se era lícito ou non

que o e as protagonistas rachasen coa violencia esa situación de maltrato; sobre como se

reacciona cando unha persoa chega ao límite; sobre se a violencia pode estar ou non xustificada

ou sobre as distintas maneiras de exercela por parte dos homes e das mulleres. A posta en

común das reflexións vertidas enriqueceron, unha vez máis, a lectura individual.

Un libro de lectura áxil, no que se van acumulando tensións que culminan nun estalido

de violencia inevitable coa que autora quixo demostrar que tamén as mulleres poden usala para

ir contra a sociedade que a utilizou contra elas.















PUÑOS DE HARINA

 


Hoxe o alumnado de 2º, 3º 4º da ESO e 1º Ciclo Medio, asistiu en Vimianzo á representación da obra de teatro Puños de harina.

Esta obra da compañía andaluza El Aedo que acadou premios ao mellor actor, á mellor escenografía e foi finalista entre outros aos premios Max 2021 e aos premios Cinemagavia 2021, permitiulle ao noso alumnado reflexionar sobre a violencia, o racismo, a homofobia e a masculinidade. 

Este monólogo presenta dúas historias nas que coñecemos, de xeito paralelo, a dous personaxes relacionados co mundo do boxeo e a cultura xitana: por unha parte a historia real de Rukeli, o boxeador alemán e xitano que desafiou a Hitler na época da Alemaña nazi e, por outra parte, coñecemos a Saúl, un mozo xitano homosexual que, na España rural dos anos 80, busca a súa identidade e intenta sobrevivir no seo dunha familia tradicional.

En definitiva, a historia de Rukeli, Saúl e outros xitanos que loitaron, resistiron, morreron e sobreviviron ao Holocausto e á sociedade; a historia de como algúns homes se esforzan por encaixar no concepto ideal de “ser homes de verdade”, nun contexto que os rexeita pola súa raza, a súa cultura ou a súa orientación sexual.

Agradecemos ao Concello de Vimianzo esta iniciativa, xa que contribuiu a que durante hora e media o alumnado empatizase e se achégase á temática tratada.

OBRADOIRO DE CALIDOCICLOS POLO MES DA CIENCIA

 Para celebrar o Mes da Ciencia, na biblioteca realizamos un obradoiro de calidociclos có alumnado voluntario durante os recreos. A profesora de matemáticas Luchy foi a encargada da explicación do taller. Coas figuras formadas, adornamos o corredor principal que completamos cunha selección de libros e albums ilustrados sobre ciencias📚🧪⚗️ 



NOVAS ADQUISICIÓNS EN INGLÉS

 Dende comezos de curso incorporamos novos libros de lectura de diferentes temáticas en inglés. As profesoras do departamento de inglés seleccionáronos para os diferentes niveis e posteriormente presentaron as adquisicións ao alumnado da ESO e BACH.






ENCONTRO CON IRIA COLLAZO

 Esta tarde embarcámonos nunha viaxe guiada por Iria Collazo e na que nos acompañaron Celeste, Antón e todas as súas compañías e vivencias. Unha viaxe polavida de dúas persoas que nos achega e amosa, cunha maxistral mestura de humor e realidade, un modelo de vida que se está extinguir e que nos lembra con tenrura aos nosos avós. A idiosincracia do galego reflíctese de xeito brillante a través da riqueza expresiva e lingüística coa que se narra a historia.

A presenza de Iria permitiunos coñecer as influencias e fontes de inspiración desta novela, a súa técnica de escritura, e múltiples detalles e anécdotas que, poñéndolle diferentes nomes aos protagonistas: podería ser unha fiel biografía de calquera de nós.

Iniciamos coa escritora moañesa no Club de Lectura de Adultos Baiolendo os encontros literarios que teremos ao longo deste curso. Unha xuntanza que destacou pola gran participación dos e das asistentes e que deu lugar a profundas reflexións que enriqueceron a lectura individual previa.

Recomendamos a lectura de Os mortos que amei, unha entrañable historia do noso rural que nos fixo saír, a partes iguais, os sorrisos e as bágoas.