23 DE FEBREIRO...DÍA DE ROSALÍA
Rosalía de Castro nace en Santiago de Compostela o 23 de febreiro do ano 1837, sendo bautizada cos nomes de María Rosalía Rita.
En 1856 trasládase a Madrid, alí casou con Manuel Murguía en 1858 e publicou as súas primeiras obras: o poemario La Flor (1857) e máis a novela La hija del mar (1859).
En 1863 apareceu (en Vigo) o seu primeiro grande libro, Cantares Gallegos, sen dúbida a base de todo o rexurdimento literario e non literario da Nosa Terra.
A máis relevante escritora das nosas letras tivo que publicar o seu derradeiro poemario galego, Follas Novas (1880), na Habana e Madrid. En 1884 publica en castelán En las orillas del Sar.
Rosalía nunca foi unha muller forte e en 1885 agrávase o cancro que padecía, por iso decide pasar unha tempada en Carril, na ría de Arousa, xa que antes de morrer quería ver o mar. Aos 48 anos, o día 15 de xullo de 1885, morre en Padrón, onde levaba tempo morando, na casa da Matanza que hoxe está convertida en museo.
Foi enterrada no cemiterio da Adina, na igrexa parroquial de Iria, á que ela cantara nuns preciosos versos de Follas Novas.
O 25 de maio de 1891 os seus restos foron trasladados á igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago, ao Panteón de Galegos Ilustres, onde repousa na actualidade.
No centenario da publicación de Cantares Gallegos, a Real Academia Galega consagrou o 17 de Maio á celebración do Día das Letras Galegas, que lle foron dedicadas a Rosalía na súa primeira edición, e o 23 de febreiro está recollido oficialmente como día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación.
Nas seguintes ligazóns podedes escoitar algúns dos poemas musicados de Rosalía:
- Meniña, ti a máis fermosa. Roi Casal
- Cando penso que te fuches. Luz Casal
- Xan. Quempallou
- A xustiza pola man. Nao
- Unha vez tiven un cravo. Maite Dono
- Tecín soia a miña tea. Guadi Galego
- Mais ó que ben quixo un día. Amancio Prada
Tamén podedes facer o CALDO DE GLORIA, seguindo as instrucións que dá Rosalía no seu poema. Participa nesta iniciativa da Fundación Rosalía de Castro.