Dende a biblioteca, en colaboración co alumnado de francés de 4º de ESO e 1º de BACH, realizamos unhas cancións de Nadal en francés dentro do programa radio na biblio.
BO NADAL!
🎄🎄🎄 BO NADAL!!! 🎄🎄🎄
POSTAIS DIXITAIS
O equipo da Biblioteca en colaboración co alumnado da materia de "Educación Dixital" de 3º da ESO, elaborou unhas postais de Nadal que levan unha tarxeta NFC incorporada. Unha vez escaneamos co móbil a tarxeta, esta tecnoloxía enlaza ó vídeo que leva á postal virtual onde felicitan o Nadal. Deste xeito combinamos a tradición coa tecnoloxía.
CELEBRACIÓN NAVIDEÑA NO CLUB DE LECTURA BAIOLENDO
Rematando o mes de decembro Baiolendo reuniuse nunha sesión especial na que todos
os membros que estamos unidos pola literatura, degustamos chocolate con croissants.
Nun ambiente de compañeirismo cada grupo presentoulle aos demais integrantes do
Club a lectura que os acompañou dende o inicio de curso, comentando brevemente as
impresións que lles causaron.
Tamén houbo tempo para o descubrimento literario, pois fíxose entrega das novas
lecturas coas que iniciaremos o vindeiro ano.
No Club de Lectura Baiolendo despedimos o 2024 coa ilusión de seguir compartindo
experiencias literarias e de seguir explorando novos mundos a través dos libros. Sempre
destacaremos a importancia da lectura como un xeito de enriquecer as nosas vidas e medrar
intelectual e emocionalmente.
MURAL DE NADAL
Os voluntarios da biblioteca estiveron moi atarefados na pasada semana; velaquí vos deixamos fotografías dun dos murais navideños que deseñaron con papel de agasallo e no que lanzan unha mensaxe sobre o poder máxico dos libros!
OBRADOIRO DE POSTAIS DE NADAL
O alumnado voluntario da biblioteca e outros compañeir@s que pasaron pola biblioteca durante os recreos, realizaron unhas postais de Nadal ben fermosas coas que compuxemos unha árbore que decora o corredor principal do centro.
BOOKWORMS BOOKCLUB
Neste curso 2024/25 o Equipo da Biblioteca en colaboración co Departamento de Inglés está a desenvolver un proxecto de Club de Lectura de Inglés con alumnado de 1º, 2º 3º e 4º de ESO, no que participan un total de 31 alumnos e alumnas. Neste Club de Lectura estanse a ler libros de literatura non adaptada (“Bookworms Bookclub”) que se lerán ao longo de todo o curso académico.
Cada libro ten o nome de cada alumno/a na primeira páxina e unha tarxeta, para facer un seguimento de cada reunión, pegada ó libro cunha cinta adhesiva cunha mensaxe en inglés. O alumnado ten unha pequena tarefa individual que traen preparada para as reunións xa que son enteiramente en inglés. As primeiras reunións deste mes están a ser moi enriquecedoras e dinámicas; esperamos que continúen sendo así.
Xunto co libro, fíxose entrega dun kit de benvida nunha bolsiña na que atoparon un marca páxinas cunha mensaxe en inglés facendo referencia á importancia da lectura, un lapis con goma para poder anotar vocabulario, ou o que queiran no propio libro, uns post-it transparentes, que permiten subliñar sen marcar as páxinas, e uns doces para dar enerxía. Ademais, en cada reunión reciben un adhesivo cunha mensaxe en inglés que fai referencia á importancia de ler.
Dende o Equipo da Biblioteca e máis dende o Departamento de Inglés queremos dar as grazas ás familias implicadas xa que o libro foi comprado polo alumnado. Con esta idea preténdese que o alumnado se achegue á literatura e á cultura inglesa e cree unha biblioteca persoal no seu fogar.
INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA A SOCIEDADE
Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, profesores de ensino secundario no noso centro veñen de publicar o libro Intelixencia Artificial para a sociedade, o primeiro libro en galego sobre IA educativa, co apoio de Medulia Editorial.
Ferramenta moi interesante para o profesorado que imparte a materia "Intelixencia Artificial para a sociedade" e para calquera persoa que queira iniciarse no mundo da IA educativa. Cubre un baleiro existente e pode ser de grande axuda.
Campaña solidaria de Nadal
Convidámosvos a colaborar.
DÁLLE UNHA VOLTA AO TEU CONSUMO: DECEMBRO
Pílula informativa mes de decembro:
Velaquí vos deixamos unha pequena mostra de alimentos frescos que se producen na nosa contorna no mes de decembro cos que podemos axudar a acadar unha menor pegada ecolóxica ao reducir os custos ambientais. Ademais vai acompañada dunha nova pílula informativa para que todos e todas reflexionemos sobre esta cuestión:
Uso eficiente de recursos: Os alimentos locais están na súa tempada óptima, o que implica que se cultivaron en condicións máis naturais e eficientes. Iso evita o uso excesivo de enerxía, pesticidas e fertilizantes que se empregan a miúdo para producir alimentos fóra de tempada ou en condicións non ideais.