FERNANDO CASTRO PRESENTA O SEU LIBRO O LANZADOR DE COITELOS NO CLUB DE LECTURA DE ADULTOS BAIOLENDO


Hoxe, o profesor de Lingua e Literatura Castelá Fernando Castro presentounos o seu libro O lanzador de coitelos, Premio Galaxia 2025.

Ao longo de 50 minutos conversamos ao redor dunha novela que “combina os códigos do thriller clásico cunha estrutura sofisticada e sedutora, explorando a liberdade, a memoria, o fracaso, a corrupción e a liña borrosa entre vítimas e verdugo”.
Un sicario. Un poeta húngaro emigrado a París. Un secuestro con consecuencias inesperadas que se converterá nunha viaxe cara ao pasado e, sobre todo, cara ao fondo da identidade.
O autor comentounos que esta obra xurdiu coa motivación inicial crear unha peza teatral cómica, ambientada no mundo do circo, pero a súa maneira de traballar, de maneira intuitiva e desenvolvendo pequenas ideas, proporcionoulle tal cantidade de material que deu lugar a unha historia totalmente diferente do inicialmente proposto: unha historia con múltiples puntos de vista, con moitas interpretacións, quizá tantas coma lectores… Unha especie de monólogo interior que desperta a reflexión sobre a propia identidade. Unha obra aberta que responde á aspiración literaria do autor, a de escribir novelas que lle dean liberdade á imaxinación e á percepción do lector, á súa propia interpretación.
Todo isto enriquecido cunha elaborada técnica narrativa e con moita presenza de Pessoa.
Un encontro que nos permitiu coñecer de preto ao autor e mergullarnos nun dos libros máis destacados da literatura galega actual, tal e como se recoñece coa concesión do premio Galaxia 2025.
























Lendas do Samaín

 O alumnado de 1º de ESO estivo relatando lendas de Samaín nunha biblioteca decorada "de medo" e con efectos especiais de fume, luz e cor.































Resultados do concurso de portas do Samaín



As portas gañadoras deste concurso foron as seguintes:

3º de ESO

1º de Bacharelato B

2º de FP Básica

Noraboa ós gañadores!