Dentro dos encontros literarios, que estamos a desenvolver con motivo do Mes do Libro no noso Centro, hoxe tocoulle a quenda a Antón Cortizas que impartiu ao alumnado de 2º ESO un obradoiro lúdico-didáctico sobre adiviñas baseado na súa última publicación Adiviña unha adiviña.
Na primeira parte, a partir dun test de adiviñas da tradición oral galega, foi debullando as características deste subxénero e a técnica para a súa elaboración. Nunhas é máis importante a composición narrativa, noutras o cálculo matemático, pero en todas destacaba o aspecto lúdico das mesmas. Na segunda parte seguiu a xogar coa linguaxe e co vocabulario axudándose da papiroflexia: todos e todas construíron o seu bico do galo que contiña novos enigmas, aos que o noso alumnado buscaba unha rápida resolución.
Convidou á rapazada a seguir xogando coas palabras, co noso idioma, a recompilar as adiviñas da súa contorna para que non se perda e con elas parte do noso patrimonio cultural oral.
Rematou este divertido e á vez didáctico taller coa lectura dun poema orixinal del no que nos anima a abrazar a nosa lingua. De feito despediuse coa resolución dunha adiviña que inventara ao coñecer o noso alumando: “ el era feliz porque falaban en galego”.
María e Mateo, que iniciaron a xuntanza coa presentación do autor e da súa obra, tamén foron os encargados da estrea do vídeo realizado polo club de lectura de 1º ESO baseado na lectura doutro libro del: Non trabes a lingua.
Grazas a Antón Cortizas por transmitirlles ao noso alumnado un anaco da literatura oral galega e o amor pola nosa lingua.