Na tarde do luns 8 de maio María Solar puxo o broche final ao V Mes do Libro organizado dende a Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema, un mes de achegas e de recoñecemento por parte de figuras destacadas da literatura galega.
As alumnas Marina e Ainara presentaron a autora que comezou agradecendo o entusiasmo co que Marta Nantón, a coordinadora da Biblioteca, a convidou ao noso Centro, feito que derivou na súa aceptación a pesar da súa apertada axenda.
A escritora amosou a súa especial ilusión xa que era a primeira vez que se encontraba con alumnado interesado e coñecedor da súa trama para falar de A Culpa. Un libro que supuxo moito esforzo creativo e intelectual, esforzo correspondido co seu éxito.
María Solar desvelou aspectos relacionados coa escrita do libro: como tiña o argumento completo na cabeza antes de poñerse a escribilo; como se documentou sobre determinados aspectos técnicos relacionados coa trama; que historias quería contar; como evolucionan as personaxes principais e a relación tóxica entre elas.... Fixo unha reflexión sobre as culpas que se reflicten, sobre as diferentes formas de amor... e sinalou a dificultades que teñen nas librerías para encadralo nun xénero concreto (obra literaria, novela negra, thriller...).
Un encontro literario que rematou coa entrega dun agasallo, e coa sinatura de exemplares. Algúns dos asistentes, membros do Club de Lectua de Adultos, alumnado de 1º de Bacharelato e persoas interesadas alleas ao Centro, aproveitaron para sacar fotos coa autora.
O noso agradecemento a María Solar polo seu compromiso coa literatura en galego e por ter aceptado o convite da nosa Biblioteca.