SELFIE POÉTICO

 


A Biblioteca participou na Semana Cultual organizando con Dores Tembrás un obradoiro no que guiou o alumnado de 2º ESO na realización dun autorretrato a través dos seus obxectos queridos.

A actividade comezou no fogar onde cada alumno/a tiña que pensar no obxecto ao que lle tiña especial apego. Unha vez na aula a poeta iniciou o obradoiro lembrando as características que debe ter un texto para ser considerado poesía -emoción, precisión, intensidade, beleza….; a continuación cada neno/a comentou en alto que obxecto trouxera e por que: o caderno de tapas de coiro escrito polo bisavó, o libro que lle regalara a avoa, a bóla coa que xogaba o gato xa ausente, a camiseta do equipo favorito, a súa primeira boneca, o peluche que herdou do irmán, o reloxo de peto que herdou do pai e este do avó….. Coas súas explicacións, moi emotivas nalgúns casos, transmitiron parte da súa memoria, da súa historia.

Finalmente, seguindo as pautas marcadas por Dores Tembrás, realizaron cadanseu selfie poético no que os obxectos se revelaron como verdadeiros tesouros: son lembranza da familia, da súa xenealoxía, do momento no que foron regalados, da orixe dunha relación, da persoa que o agasallou…