ESCOLAS SEN ARMARIOS


    Outra das actividades que organizamos desde a Biblioteca para a Semana Cultural foi  a visita de Cristina Palacios presidenta de Arelas, unha asociación de familias de nenxs e adolescentes trans. Quixemos contribuír no proxecto educativo inclusivo coa diversidade afectivo-sexual e de xénero que se desenvolve no Centro.

 

    A traballadora social e docente desenvolveu ante o alumnado de 1º FPB e de 3º ESO o obradoiro Escolas se armarios. TRANSformando a educación, durante o cal compartiu reflexións sobre como se sente as persoas trans e homosexuais, deixando claro en todo momento que son opcións tan válidas como a heterosexual. 

 

    A partir da experiencia da súa filla trans foi compartindo as dificultades deste colectivo no seu día a día: a discriminación que sofren, o acoso ao que se ven sometidxs (discriminación, insultos, agresións físicas e sexuais), o estrés e do medo que sofren ante a idea de saír do armario, e que nalgúns casos leva ao suicidio; falou da disforia de xénero ou angustia polo seu corpo e xenital asociada co rexeitamento social aos “corpos non normativos” Tamén fixo alusión a falta de apoio ou de acompañamento familiar en moitos casos e, aos prexuízos institucionais con leis e políticas que crean desigualdades e/ou non lles brindan protección contra as violencias LGTBIfóbicas. 

 

    Agradecémoslle a Cristina o enorme esforzo que realiza por dar visibilidades aos  nenxs e adolescentes trans e homosexuais, que están transformando o mundo educativo e, polo tanto, é necesario falar deles, escoitalos e aforrarlles un sufrimento innecesario. A actividade foi valorada moi  positivamente e necesaria polo alumnado xa que recoñecen que teñen moi pouca información sobre o tema. 

 

TÉCNICAS DE FOTOGRAFÍA

 


    O Equipo da Biblioteca en colaboración co Equipo Directivo, un obradoiro sobre técnicas fotográficas dirixido ao alumnado de 1º Bacharelato A e B, en sendas sesións. Este obradoiro foi impartido polo cormelán Andrés García, máis coñecido por Drew Korme e gañador dun certame internacional por unha imaxe da Vía Láctea sobre o Roncudo e enriba da máxica Mar de Ardora, xunto co tamén cormelán Diego Lema.

    Amosáronlles cámaras diferentes explicando as diferenzas; ensináronlles como axustar a cámara de xeito manual, centrándose, sobre todo, no uso do diagragma. Déronlles a coñecer distintas aplicación para a edición de fotografías, formas para sacar fotos de noite, como montar un vídeo con miles de fotos, as diferenzas entre a cámara do móbil e a cámara de fotos, a posibilidade dunha opción manual no móbil que permite sacarlle o máximo rendemento á cámara….

    Os dous especialistas transmitironlles unha morea de ideas para que rapazas e rapaces melloren as imaxes que captan cos seus aparellos e a súa posterior edición.

SELFIE POÉTICO

 


A Biblioteca participou na Semana Cultual organizando con Dores Tembrás un obradoiro no que guiou o alumnado de 2º ESO na realización dun autorretrato a través dos seus obxectos queridos.

A actividade comezou no fogar onde cada alumno/a tiña que pensar no obxecto ao que lle tiña especial apego. Unha vez na aula a poeta iniciou o obradoiro lembrando as características que debe ter un texto para ser considerado poesía -emoción, precisión, intensidade, beleza….; a continuación cada neno/a comentou en alto que obxecto trouxera e por que: o caderno de tapas de coiro escrito polo bisavó, o libro que lle regalara a avoa, a bóla coa que xogaba o gato xa ausente, a camiseta do equipo favorito, a súa primeira boneca, o peluche que herdou do irmán, o reloxo de peto que herdou do pai e este do avó….. Coas súas explicacións, moi emotivas nalgúns casos, transmitiron parte da súa memoria, da súa historia.

Finalmente, seguindo as pautas marcadas por Dores Tembrás, realizaron cadanseu selfie poético no que os obxectos se revelaron como verdadeiros tesouros: son lembranza da familia, da súa xenealoxía, do momento no que foron regalados, da orixe dunha relación, da persoa que o agasallou…










FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

    
    Vimos de celebrar o 17 de maio, o noso gran día das Letras Galegas, homenaxeando a Francisco Fernández del Riego, coñecido por moitos como Paco del Riego. Desde a biblioteca acercámonos a súa figura cunha exposición bibliográfica que colocamos na entrada do Centro e que fomos traballando nas distintas titorías.
 
    Tamén, coincidindo coa celebración da Semana Cultural do instituto, desde o Equipo da Biblioteca quixemos deixar a nosa pegada realizando parte do tríptico.




UN CREBACABEZAS COLABORATIVO PARA REIVINDICAR O LEGADO ARTÍSTICO DE PICASSO

     

    A biblioteca segue coa celebración do 50 aniversario do falecemento de Pablo Picasso; nesta ocasión coa lectura de dous álbums ilustrado en distintas titorías: Pablo Picasso en 1º e 2º ESO; Guernica en 3º e 4º ESO.

Ademais dende mediados de abril nunha das mesas da biblioteca había un crebacabezas que representa o emblemático cadro de Guernica e quen quixese podía encaixar a súa peza. E así entre moitos e moitas rematámolo e xa loce nunha das paredes da nosa biblioteca.

Lectura e crebacabezas, un xeito moi orixinal de reivindicar o legado artístico dun dos nosos pintores de maior proxección.





























EXPERIMENTAMOS CON RESINA EPOXI


     

Na tarde do luns o alumnado de 2º ESO participou nun taller de xoiería artesá organizado polo Equipo da Biblioteca e máis polo Club de Ciencia Baiociencia no que experimentou coa resina epoxi para facer diferentes pezas. Con anterioridade colléranse flores silvestres de diferentes plantas e deixáranse secar para a súa posterior utilización; houbo tamén a opción de reutilizar dispositivos electrónicos. 

    Para comezar preparouse a mestura da resina epoxi co endurecedor. Tras proceder a colocación das flores, colorantes, purpurina, os diodos e outros adornos engadiuse a resina nos moldes xa preparados e púidose elaborar diferentes tipos de colgantes, aneis ou chaveiros. Un pouco de imaxinación é o que se precisou para elaborar as diferentes pezas. Unha vez vertida a mestura no molde deixouse secar durante 24 horas e a continuación desmoldáronse as pezas. Finalmente aos que eran chaveiros colocáronse os enganches. A verdade é que quedou todo moi chulo!

GAÑADORES CONCURSO FOTOGRAFÍA DÍA DO LIBRO


    

Xa temos aos gañadores e ás gañadoras deste Concurso de Fotografía Artística do Día do Libro. Unha vez máis queremos agradeceros a vosa participación e felicitar aos autores e autoras destas tres fotografías premiadas.

1º premio

 Xavier Parga Imia, alumno de 1º Bacherelato



2º premio 

Lola Cumplido Blanco, alumna de 2º ESO

                                 3º premio 

Adrián Otero, Alejandro Marcote, Diego Mourelle,Daniel Rellán e Martín Vázquez, alumnos de 1º Bacherelato




Parabéns a tod@s


MARÍA SOLAR PECHA O V MES DO LIBRO DO IES DE BAIO

 

Na tarde do luns 8 de maio María Solar puxo o broche final ao V Mes do Libro organizado dende a Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema, un mes de achegas e de recoñecemento por parte de figuras destacadas da literatura galega.

As alumnas Marina e Ainara presentaron a autora que comezou agradecendo o entusiasmo co que Marta Nantón, a coordinadora da Biblioteca, a convidou ao noso Centro, feito que derivou na súa aceptación a pesar da súa apertada axenda.

A escritora amosou a súa especial ilusión xa que era a primeira vez que se encontraba con alumnado interesado e coñecedor da súa trama para falar de A Culpa. Un libro que supuxo moito esforzo creativo e intelectual, esforzo correspondido co seu éxito.

María Solar desvelou aspectos relacionados coa escrita do libro: como tiña o argumento completo na cabeza antes de poñerse a escribilo; como se documentou sobre determinados aspectos técnicos relacionados coa trama; que historias quería contar; como evolucionan as personaxes principais e a relación tóxica entre elas.... Fixo unha reflexión sobre as culpas que se reflicten, sobre as diferentes formas de amor... e sinalou a dificultades que teñen nas librerías para encadralo nun xénero concreto (obra literaria, novela negra, thriller...).

Un encontro literario que rematou coa entrega dun agasallo, e coa sinatura de exemplares. Algúns dos asistentes, membros do Club de Lectua de Adultos, alumnado de 1º de Bacharelato e persoas interesadas alleas ao Centro, aproveitaron para sacar fotos coa autora.

O noso agradecemento a María Solar polo seu compromiso coa literatura en galego e por ter aceptado o convite da nosa Biblioteca.