ESCOLAS SEN ARMARIOS


    Outra das actividades que organizamos desde a Biblioteca para a Semana Cultural foi  a visita de Cristina Palacios presidenta de Arelas, unha asociación de familias de nenxs e adolescentes trans. Quixemos contribuír no proxecto educativo inclusivo coa diversidade afectivo-sexual e de xénero que se desenvolve no Centro.

 

    A traballadora social e docente desenvolveu ante o alumnado de 1º FPB e de 3º ESO o obradoiro Escolas se armarios. TRANSformando a educación, durante o cal compartiu reflexións sobre como se sente as persoas trans e homosexuais, deixando claro en todo momento que son opcións tan válidas como a heterosexual. 

 

    A partir da experiencia da súa filla trans foi compartindo as dificultades deste colectivo no seu día a día: a discriminación que sofren, o acoso ao que se ven sometidxs (discriminación, insultos, agresións físicas e sexuais), o estrés e do medo que sofren ante a idea de saír do armario, e que nalgúns casos leva ao suicidio; falou da disforia de xénero ou angustia polo seu corpo e xenital asociada co rexeitamento social aos “corpos non normativos” Tamén fixo alusión a falta de apoio ou de acompañamento familiar en moitos casos e, aos prexuízos institucionais con leis e políticas que crean desigualdades e/ou non lles brindan protección contra as violencias LGTBIfóbicas. 

 

    Agradecémoslle a Cristina o enorme esforzo que realiza por dar visibilidades aos  nenxs e adolescentes trans e homosexuais, que están transformando o mundo educativo e, polo tanto, é necesario falar deles, escoitalos e aforrarlles un sufrimento innecesario. A actividade foi valorada moi  positivamente e necesaria polo alumnado xa que recoñecen que teñen moi pouca información sobre o tema.