VI MES DO LIBRO

  VI MES DO LIBRO 

Xa temos o cartel oficial do VI Mes do libro do IES Maximino Romero de Lema. Teremos o pracer de contar con todos estes escritor@s ao longo deste mes 📚

   En abril libros mil! 😊



COMEZAMOS O CAMIÑO DE EXPLORACIÓN DA PALABRA


     Na segunda reunión do club de escritura comezamos a vivencia pracenteira da experiencia creativa. Acordamos escribir entre todos e todas un libro planetario. Cada membro imaxinará un planeta que represente unha emoción e describirao. Iniciamos así unha viaxe emocional no que os e as habitantes do mundo ficticio nos axuden a expresar distintos sentimentos.

Posteriormente compartiremos as inquedanzas que a escritura creativa nos produciu para mellorar esta competencia. Así mesmo faremos coñeceremos as interpretacións e as ideas do resto de integrantes dando paso á reflexión e o debate a partir dos textos escritos.

Rematamos a sesión cunha mestura de ilusión e respecto ante o reto de explorar na palabra.




CONCURSO DE FOTOGRAFÍA PARA O DÍA DO LIBRO

 


INAUGURACIÓN CLUB DE ESCRITURA CREATIVA

 


O pasado mércores botou a andar un novo proxecto na nosa biblioteca: un grupo de alumnos/as e profesoras reuniuse para desenvolver un taller de escritura. A orixe desta idea xurdiu no club de lectura que integra alumnado de 1ºCM, 4º ESO e Bach; de feito dous dos seus integrantes, Lautaro Fabián e Enma Lobelos, son os coordinadores deste recén creado club.

Nesta sesión presentáronse todos os membros, e Lautario explicounos que o obxectivo do mesmo é a creación de textos, sen esquecer que é, ao mesmo tempo, un espazo no que reflexionará, no que aprenderemos a mirar, a descubrir o outro lado das cousas, a escribir o observado; un espazo no que se discute nun clima propicio para expresarse libremente.





Exposición itinerante Elvira López Mourin. Unha enfermeira de altura

 UN NOVO REFERENTE FEMININO PARA O ALUMNADO DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

A Biblioteca do IES Maximino Romero de Lema pecha o programa de actividades arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, coa exposición itinerante Elvira López Mourin. Unha enfermeira de altura que acollemos no noso centro durante esta semana e que desvela a historia da enfermeira de Lugo que foi pioneira no desenvolvemento da enfermería española e na defensa dos dereitos das mulleres. A mostra veu acompañada dunha charla que se desenvolveu hoxe ante o alumnado de 1º Bacharelato e de 3º ESO.

Comezou o acto coa intervención de Isidoro Rodríguez Pérez, presidente da Academia de Enfermería de Galicia, que se centrou na traxectoria vital e profesional de Elvira López Mourín, unha das cinco mulleres que formaron parte da primeira promoción de enfermeiras profesionais da Cruz Vermella Española, e que non lle resultou nada fácil pois proviña dunha familia moi humilde. En 1921 ingresou como enfermeira militar no Hospital de Melilla en plena guerra de Marrocos, e foi a primeira en participar, voluntariamente, nun voo sanitario da Aviación Española tendo que cruzar territorio inimigo de noite e nun rasante no conflito bélico do RIF en 1922. Lembremos que nese momento as mulleres tiñan prohibido participar nun voo militar, pero a súa firmeza fixo que puidese participar; iso si, despois de deixar por escrito que asumía toda a responsabilidade. Conségueo e durante toda a noite atende a centenares de feridos.

A fazaña de auxilio de Elvira López convértea nunha heroína que foi recoñecida no seu momento nos medios de comunicación e incluso foi recibida polos propios reis Alfonso XII e Victoria Eugenia. Pero a partir da guerra civil o seu acto heroico quedou no esquecemento como lle sucedeu a moitas outras mulleres. Un exemplo máis da discriminación das mulleres.

Na segunda parte da charla Lourdes Bermello López, presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, destacou o labor desta enfermeira como un exemplo de loita polos dereitos das mulleres. Partindo do estigma de ser filla de nai solteira e malia todos os atrancos da época demostrou que era posible a emancipación da muller. Elvira foi unha muller moderna, representou un modelo da muller alternativo ao que predominaba na sociedade da súa época, circunscrito ao fogar, ao coidado da familia.

Agradecémoslles aos dous investigadores que se achegaran ao noso Centro para descubrinos este referente feminino descoñecido para a gran maioría de nós; tamén lles damos as grazas polo agasallo de varios exemplares do libro no que se homenaxea a Elvira Mourín. E como non, ao Colexio de Enfermería de Lugo pola súa boa disposición para que puidesemos acoller a exposición.










DÍA DA MULLER

O Equipo da Biblioteca xunto co voluntariado, conmemorou o Día Internacional da Muller, facendo este mural que pretende recrear unha manifestación, para loitar contra as desigualdades e situacións discriminatorias ata que academos a plena igualdade. Os participantes pensaron unha palabra ou frase reivindicativa que plasmaron en cadanseu debuxo que previamente decoraron. 

Ademais, acompañamos a exposición cunha selección de libros sobre a temática. 











JUANA DE VEGA, UN REFERENTE DO 8 DE MARZO



 

    Dentro do programa de actividades organizadas pola Biblioteca arredor do Día da Muller queremos destacar dúas que xa realizamos. A primeira é que trouxemos ao Centro a exposición itinerante  “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer nséculoorganizada pola Fundación Juana de Vega co motivo do 150 aniversario do pasamento desta muller de gran relevancia na sociedade do século XIX. 

A mostra, constituída por vinte paneis, permite á toda a Comunidade Educativa coñecer os momentos máis destacados traxectoria vital desta coruñesa ilustre e situala nun lugar que merece polas súas accións e polo seu pasamento. Ela representa a esas mulleres esquecidas ás que queremos dar luz con motivo do 8 de marzo.

Abórdase a traxectoria da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX; a súa voda co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina,cuxa morte a converte na viúva eterna; a súa faceta humana e intelectual, desde a súa función como coidadora da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para axudar aos máis necesitados.

O alumnado de 2º Bacharelato complementou a actividade coa participación hoxe nunha charla a cargo de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación, na que se afondou no coñecemento deste referente feminino do liberalismo progresista da súa época, implicada en impulsar movementos sociais co fin de mellorar a vida dos máis desfavorecidos e defender os dereitos da muller, sempre coa discreción que requiría no seu tempo a súa condición feminina.

     Agradecemos á Fundación a súa amable disposición ao cedernos a mostra e ao seu presidente, Enrique SáezPonte, por achegarse ao noso Centro para completar a visibilización ante o noso alumnado desta muller excepcional cuxo legado continúa vivo.

A mostra pode visitarse libremente en horario escolar.








VOLUNTARI@S NO DÍA DA MULLER

 O longo destas semanas, os voluntari@s da biblioteca estiveron preparando unha actividade para o Día da Muller. O día 8 de marzo veremos o resultado!