Filosofía, intriga e retranca en Cicuta para dous

 


A novela Cicuta para dous de Rocío Leira foi a protagonista do encontro literario celebrado coa súa autora no día de hoxe. Esta novela, gañadora do Premio Jules Verne de Literatura xuvenil do 2022 – galardón que emocionou moito á autora-, é un libro rompedor dentro da literatura galega na que mestura intriga, filosofía e moita retranca.

Iniciamos o acto coa habitual presentación da nosa invitada realizada por Desirée e Cristina de 4º ESO, curso ao que ía dirixido o acto xunto co de 1º FPB e co Club de Lectura de 3º ESO.  A autora fixo unha defensa da filosofía por ser unha ferramenta necesaria en tempos de noticias enganosas. Achega unha luz crítica e dota ao pensamento de autonomía para enfrontarse cun mundo incerto e colonizado polo tecnodixital.

O suspense é unha característica inherente da súa narrativa e quixo mesturalo nesta ocasión coa filosofía dun xeito lúdico para aproximala aos adolescentes. Como comentou a escritora esta lectura pretende un lector activo, que vaia cuestionando o que sucede ata chegar á resolución do enigma mesmo antes de que suceda; en definitiva emprega o método socrático: a través das preguntas chégase ao saber. O lector debe resolver xogos, anagramas, códigos...

                O acto finalizou cun diálogo entre escritora e alumnado, no que se trataron cuestións sobre a trama: personaxes, espazo....; comentáronse aspectos do pensamento de filósofos que aparecen no libro e o alumnado achegou o seu punto de vista sobre a lectura.

 O encontro rematou coa entrega dun pequeno agasallo como lembranza do seu paso polo noso Centro e a sinatura de exemplares. O nosos agradecemento a Rocío Leira polas súas reflexións e por participar no noso Mes do Libro.