A NECESARIA EXPERIENCIA DE COMPARTIR A LECTURA

 


Hoxe, 23 de abril, celebramos o Día do Libro, unha data importante para calquera biblioteca e a nosa non ía ser menos. Levamos todo o mes con distintas actividades arredor da lectura e o venres pasado realizamos unha moi especial: Laura, Sara, Rodrigo e Teo do club de lectura de 1º ESO e Lola, María e Mateo do de 2º ESO visitaron o colexio Labarta Pose para compartir lecturas co alumnado de infantil e de 1º e 2º de primaria.

Fixeron lecturas teatralizadas de diferentes álbum ilustrados e abofé que o fixeron moi ben. Unha ocasión para reivindicar a importancia da transmisión da experiencia da lectura e dos universos que abre. Cando nos vemos confrontados a unha intromisión brutal do eido da intelixencia artificial no proceso de creación literaria e artística en xeral, nada mellor que a presencialidade da voz que conta e do corpo que fala cos xestos. As facianas de abraio, as preguntas curiosas, os risos cómplices dos máis pequenos poñían de relevo a importancia deste tipo de actuacións. Unha fermosa forma de defender o libro no seu día.