Tras a lectura de Pablo e as pombas de Marcos
Calveiro, o alumnado de 1º ESO e o club de lectura de 2º ESO, decidiron visitar
algúns dos espazos por onde se desenvolveu a vida de Picasso durante os catro
anos que residiu na cidade herculina.
Iniciaron a ruta literaria na casa familiar na que puideron
ver reproducións da obra coruñesa do pintor e lembrar problemas domésticos como a tristeza
do pai por non destacar como pintor ou o falecemento da súa irmá pequena. Aproveitaron
ademais para realizar unha visita guiada polas casas indianas de estilo
modernista que hai pola zona.
De camiño ao Orzán detivéronse no Eusebio da Garda no fixo
estudos de ensinanza regrada, que abandonou para recibir clases de pintura na
parte baixa do edificio en que se situaba a Escola de Belas Artes e da que seu
pai era profesor. Continuaron polo paseo da praia Orzán, onde el e os seus
amigos toureaban as ondas, e finalmente visitaron o Museo de Belas Artes para
gozar da exposición Picasso branco no recordo azul constituída
polas primeiras obras do pintor.
Grazas á lectura do libro, enriquecida por este roteiro literario, a nosa rapazada puido coñecer que Galicia ten moito que ver con Picasso, ese artista universal do que este ano se cumpriron os 50 anos da súa morte.