O acto comezou coa espléndida presentación da escritora realizada polas alumnas Estela e Milena, que a continuación lle cederon a palabra á protagonista da xuntanza. Falounos do que é a literatura para ela, das razóns da súa escrita (expresar o que sente), das fontes nas que bebe (experiencia propia, historias que lle contan, na prensa e na realidade que observa.) Tras este breve preámbulo entrou de cheo na temática do libro: os retos virais e a saúde mental que reflicten; quen os lanza, que tipos hai (sociais, solidarios e perigosos), cales son as motivacións que levan a realizalos, a quen chegan a través das redes sociais (necesidade de afecto, consolo, casos acoso escolar, de depresión ..), cal é a reacción de pais e nais ante esta problemática...
Andrea Maceiras sabe que non todo é culpa das redes, pois estes retos xa existían antes como ela mesma viviu de nena cando viu unha moza desmaiarse polo reto do “apagón”. Sinalou que as redes tamén teñen un significado positivo xa que nos permiten a conexión, non sentirnos sós, compartir intereses con persoas afíns. Na última parte do encontro foi a quenda do alumnado, algo tímido ante o sorriso e proximidade da autora, que lle realizou cuestións ben interesantes sobre a lectura realizada.
Como chegou no recreo a rapazada do club de lectura de 1º ESO aproveitou para achegarse á autora e sacar fotos co libro que leron dela, Conta nove estrelas, coa sorpresa de que Sara, unha das integrantes, apareceu caracterizada como a protagonista do libro. Tamén o club de lectura constituído por alumnado de 3º, 4º e 2º FPB aproveitou eses momentos para fotografarse coa escritora.
Finalizamos esta festa da lectura, na que Andrea Maceiras logrou conectar unha vez máis coa mocidade, coa entrega dun pequeno agasallo en agradecemento pola súa visita e coa sinatura de exemplares.