VISITA DE SOFÍA FONDO

 CON SOFÍA FONDO REMATA O IV MES DO LIBRO NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA 

DURANTE UN MES A ARTE E A LITERATURA FORON AS GUÍAS EDUCATIVAS DO ALUMNADO

Este pasado luns finalizamos os encontros literarios do IV Mes do Libro con Obradoiro de Ilustración impartido pola deseñadora gráfica e ilustradora Sofía Fondo. Nel o alumnado de 2o da ESO coñeceu a obra da ilustradora pontecesá e a gran maioría levou unha agradable sorpresa ao descubrir que Sofía Fondo é a autora dos vídeos que ven desde hai anos na canle de youtube Tik Tak Draw, especializada en contar historias de terror debuxando. Unha canle moi apreciada polo alumnado.

O Obradoiro estruturouse en dúas partes. Na primeira parte, a ilustradora comezou coa presentación do seu traballo na empresa de Ponteceso, Entretendo, encargada de realizar vídeos que se poden considerar como pioneiros da coñecida canle Tik Tok dende hai varios anos e nos que pon a voz e, cando corresponde, tamén debuxa.

A continuación interrelacionou co alumnado cunha serie de preguntas vinculando a aprendizaxe do debuxo coa da escrita e insistindo en que o importante non é tanto o talento que un teña, senón o traballo e o esforzo que realice para dedicarse a calquera traballo.

Ensinoulles a súa evolución no debuxo dende os 12 anos ata a actualidade, de feito, amosou un dos seus traballos sobre as Tanxugueiras, cos que acadou moi bos comentarios e a deron a coñecer ao público en xeral. Recoñece que estivo a piques de deixalo aos 18 anos, pero que proseguiu porque era o que realmente lle gustaba. Co paso do tempo foi perfeccionando a súa técnica.

A segunda parte do Obradoiro foi práctica e Sofía Fondo foille ensinando ao alumnado as técnicas básicas para facer unha boa caricatura do rostro. Resultou ser unha sesión moi animada e con gran participación por parte do alumnado.

Finalmente, o alumnado sacou fotos coa ilustradora e pedíronlle que asinara os debuxos elaborados durante o Obradoiro. Mesmo algúns quixeron que lles asinara nos brazos e se realizase selfies con ela.

Con esta actividade, que foi todo un éxito, o IES Maximino Romero de Lema pecha o seu IV mes do Libro, un mes de éxito en que o alumnado tivo oportunidade de coñecer a creadores de diversas artes literarias e gráficas e descubrir de primeira man que detrás de todo éxito artístico e literario están o esforzo, a dedicación e a constancia.

O IV Mes do Libro é un axeitado medio de defender a importancia que ten a lectura como proceso de formación e educación, ademais de dignificar a lingua e a cultura galegas.