VISITA DE NEE BARROS

   Nee Barros fai de Identidade un piar esencial para a convivencia

 O IV Mes do Libro do IES Maximino Romero de Lema prosegue coas súas actividades dirixidas ao alumnado. Desta volta, o instituto acolleu a presentación da obra de Nee Barros, a quen agradecemos un encontro rico e formativo, con quen rematamos a primeira quenda desta convocatoria.

 Os ventos de cambio social requiren de valentía e tamén dun axeitado respecto para coas diferenzas de sentirse e, en consecuencia, tamén de ser. O encontro con Nee Barros xirou, precisamente, ao redor dos dilemas que encerra o concepto de identidade, concepto que dá nome ao seu libro. Unha obra de teatro sobre a necesidade que ten o ser humano de se reconstruír cando sente que a súa esencia está prisioneira nun corpo ou molde que non é o seu. A normalidade do non-común refírese á ollada que se require, unha ollada de simple naturalidade, de aceptación, de respecto para podermos convivir en sociedade.

 Despois da presentación, Nee Barros comezou a súa intervención cun vídeo no aparece un neno ao que lle gusta poñer vestidos. Baixo este feito iniciou a reflexión en común animando á rapazada a dar a súa opinión sobre o contido visto, deixando claro que non hai interpretacións correctas nin incorrectas. A continuación ilustrou mediante unha presentación un percorrido de palabras ao redor do ‘trans’, unha serie de ferramentas destinadas a coñecérmonos. O alumnado puido achegarse a toda a riqueza conceptual e de termos que o mundo da identidade está construíndo ao redor de como nos sentimos nós mesmos e na nosa relación amorosa cos demais (sexo biolóxico, sexo asignado, identidade de xénero, orientación sexual, expresións de xénero, etc.). Igualmente, falou da linguaxe inclusiva e da ‘creación’ de termos coma o pronome ‘ele’. 

 A continuación, centrouse en falar da súa obra Identidade escrita cando tiña 14 anos, nun momento en que o pasou mal porque foi cando decidiu saír do armario como persoa trans e non tivo a aceptación que esperaba. Sentiu soidade e foi a través da escrita teatral como deseñou unha peza de teatro co fin de se que fose un referente da realidade trans, xa que el non tivera no seu momento ningún referente. Sabía que era diferente pero non era capaz de nomealo porque non tiña as palabras. 

 Nee Barros interaccionou co alumnado a través da metáfora das vendas negras que cobren os ollos dalgúns personaxes. A súa caída significa a superación de marcos estreitos a través da educación e do coñecemento. Zé, o protagonista da obra, podería ser un alter ego de Nee Barros, pois vive unha historia de valentía e loita contracorrente para construír a súa propia identidade, superando os atrancos e as incomprensións.