Escribir unha novela é un traballo creativo fermoso pero laborioso A novela negra galega está dentro do máis importante da Literatura Europea
O IES Maximino Romero de Lema segue coa súa programación do IV Mes do Libro.
Desta volta, mantivemos un encontro literario con Arantza Portabales que nos falou do seu novo libro A vida secreta de Úrsula Bas.
O máis interesante para o alumnado neste tipo de encontros é comprobar que os libros que len teñen unha motivación, teñen unha arquitectura, ás veces soterrada e non destacada todo o que se debera, de esforzo e de dedicación. Por poñer un único exemplo, a Arantza Portabales levoulle case vinte meses o traballo do libro, desde o momento en que crea o manuscrito orixinal ata chegar ás correccións de imprenta.
A creación desta novela provocou unha fusión entre a vida da protagonista, Úrsula, e ela mesma, xa que, cando lle quedaba a última páxina por escribir, tivo a covid nun momento en que nin sequera había probas -corría o 17 de marzo de 2020- e estivo máis de quince días enferma e sen se atrever a saír á rúa, tal como Úrsula estivo retida no soto dunha casa sen poder saír.
A presentación da autora, a cargo dunha alumna e dun alumno, deu comezo a unha interesante exposición sobre aspectos relacionados coa escrita, cos personaxes e coas súas vivencias, como se instalan no mundo en que viven e como actúan coas demais persoas. A autora recoñeceu que este libro nace no final de Beleza vermella, pois non podía rematar ben e por iso optou por facer un novo libro. O encontro foi moi animado e permitiu descubrir segredos que pertencen aos interiores do proceso creativo da novela e deixou caer que é posible unha terceira entrega do labor detectivesco de Abad e Barroso.
A autora enfatizou que escribe novela negra porque quería demostrar e deixar claro que en Galicia se fai tan boa novela negra coma noutros países europeos.
Do mesmo xeito, Arantza Portabales destacou que as redes sociais son como a praza do pobo, onde antes sucedía toda a vida en común. Non son malas mentres fagamos un bo uso. Como na vida real amosamos o bo de nós ou o que queremos ser.
O acto finalizou coa entrega de agasallos como agradecemento e coa sinatura de libros.