VISITA DE HÉCTOR CAJARAVILLE

 A LIBERDADE É SEMPRE UN ACTO CONSCIENTE DE SUPERACIÓN DOS ATRANCOS 

 Héctor Cajaraville crea no espello de Denébola as condicións para avanzar en materia de igualdade

 O IES Maximino Romero de Lema comezou con forza neste 1 de abril unha nova edición do Mes do Libro: tivo a sorte de contar coa presenza de Héctor Cajaraville, que compartiu co alumnado de 3º da ESO o proceso de creación de Denébola, a Roxa. Unha obra que converte en protagonista a unha muller marcada pola superstición de ter unha cabeleira roxa e que, a pesar dos atrancos que se lle presentan, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rendas do seu destino.

 O acto iniciouse cunha presentación do escritor a cargo da alumna Noa para dar paso á estrea dun booktrailer do libro realizado por unha alumna e un alumno do curso. Isto deu pé a que o autor falase de como con Denébola, ancorada no século XVII, quixo distanciarse no tempo para denunciar as desigualdades de xénero, das dificultades que seguen a ter hoxe moitas mulleres para viviren libres. Interesante o recurso do pasado como espello do presente, a pesar dos séculos de distancia, sen que resulte un anacronismo, o cal indica canto debemos aínda avanzar. Denébola é un exemplo a seguir xa que consegue cambiar a vida que elixira o seu pai para ela -ser monxa de clausura- e gozar dunha vida chea de aventuras e con toda a liberdade. Héctor Cajaraville insistiu na importancia que adquiriu a fase de documentación e investigación para dotar dun contexto axeitado a historia de Denébola.

 O alumnado aproveitou a ocasión para manter co escritor unha animada conversa sobre múltiples aspectos da novela. Saíu un pouco de todo: o nome da protagonista, o convento de clausura, os estereotipos sobre os piratas, a homosexualide no mundo dos piratas..... Algúns dos presentes preguntáronlle se habería unha segunda parte, tanta é a curiosidade que deixa o futuro de certos personaxes da novela. 

 O acto finalizou cunha sinatura de exemplares, cunha foto en grupo e a entrega de agasallos para que lembre a súa visita ao noso centro. Unha visita que resultou agradable e moi ilustrativa, onde todos aprendemos que a literatura pode explicar moi ben o mundo e amosar o camiño por onde podemos transitar para que a realidade sexa moito máis xusta e mellor.