VISITA DE LAURA SUÁREZ

   MAXIA E HISTORIAS LENDARIAS NO IES MAXIMINO ROMERO 

A piques de entrar na última semana da celebración do IV Mes do Libro no IES Maximino Romero de Lema, o venres 22 de abril estivo con nós Laura Suárez que compartiu o proceso da escrita do seu libro Monte Pindo, Historias e Lendas do Olimpo Celta co alumnado de 1o da ESO. Un libro que nos mergulla de xeito ameno e divulgativo na historia, nas lendas e noutros feitos que converten en máxico este enclave do patrimonio natural da Costa da Morte como é o Monte Pindo. Un libro do que Laura Suárez é a autora dos textos e dos debuxos.

Despois da presentación da alumna Lola Cumprido e de preguntarlle ao público expectante se coñecían o Monte Pindo, a autora introduciunos nas lendas que atesoura este libro. Contou o proceso de documentación, con gran axuda de Pepe do Fieiro e Xil, especialistas na zona, e como despois empezou a realizar debuxos que posteriormente acompañou de pequenas frases. Meigallos con animais, a fertilidade, os refuxiados da Guerra Civil, rituais para doentes que aínda hoxe se seguen practicando son algún dos temas que se reflicten neste libro.

Adentrarse na lectura deste libro é pasearmos por un mapa de camiños, paraxes fermosos, lugares e anécdotas dos que a autora demostrou ser unha gran coñecedora. A Fervenza do Ézaro, a Cova da Xoana, etc. nomes que crean un universo onírico que cobra vida con cada paso respectuoso que damos polo Monte Pindo.

O noso patrimonio natural e histórico, como xa temos argumentado noutras ocasións, só se pode defender desde o coñecemento da súa relevancia e importancia. O encontro con Laura Suárez cumpriu pedagoxicamente con este obxectivo fundamental do que debe ser a educación cívica. Ademais, o procedemento creativo de Laura Suárez demostra a importancia que ten escoitar e recoller as testemuñas aínda vivas da nosa memoria patrimonial oral.

Tratouse dun acto do que o alumnado valorou positivamente a proximidade coa que a autora explicou os detalles da súa obra. Finalmente, e despois dos pertinentes agasallos e sinatura de exemplares, a ilustradora, ao ser informada de que no mes de xuño imos facer un roteiro literario seguindo o seu libro cos Clubs de Lectura do IES Agra de Raíces de Cee e do IES Fin do Camiño de Fisterra, ofreceuse a acompañarnos. E abofé que aceptamos á primeira!