A RIQUEZA PATRIMONIAL DE BRANDOMIL
O pasado venres, 15 de decembro, organizamos dende a Biblioteca a primeira presentación dun libro neste curso. Foi a do libro da Fundación Brandomil Brandomil na historia, un Couto de mulleres, e tivo lugar ante o alumnado de 2º de Bacharelato.
O acto literario comezou coa presentación dos convidados por parte da alumna Tania Pose Rey e a continuación tomou a palabra Tania Carreira Rial, técnica de Patrimonio do Concello de Zas, que estivo acompañada polo secretario da Fundación Brandomil, Enrique Iglesias Seoane.
A técnica do concello, despois de localizar Brandomil nun mapa do concello de Zas, fixo un percorrido pola historia de Brandomil, dende os tempos antigos pasando pola época romana, xermanos, época medieval...
Un especial foco de atención xirou ao redor das descubertas arqueolóxicas que permitiron observar que en Brandomil hai un patrimonio, do que aínda se descoñece a magnitude, e que cómpre dar a coñecer para que sexa defendido e preservado pola comunidade. Pero é un traballo custoso, polo que, neste sentido, coma é o caso, cómpre o apoio das administracións públicas coma o Concello de Zas.
Falamos dunha zona rica en castros (Brandomil, Atrás, Aquelabanda) e con importantes vestixios de tempos da ocupación romana. Proseguir as escavacións arqueolóxicas permitiría afondar no coñecemento histórico da zona. Igualmente, a posta en valor debe favorecer o acceso das persoas ao gozo do noso patrimonio histórico e cultural.
Ao final do acto uns rapaces achegáronse para facer resolver algunhas dúbidas. Dende a Fundación cedéronos varios exemplares para a Biblioteca que agradecemos de corazón.