O CLUB DE LECTURA BAIOLENDO DO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA GALARDOADO POLO MINISTERIO DE EDUCACIÓN


Obtivo un 2º premio na edición 2021-2022 dos Premios Clubes de Lectura Escolares

O traballo arredor da lectura do IES Maximino Romero de Lema viuse recoñecido polo Ministerio de Educación que na súa resolución do 9 de decembro concede un premio de 2.500 euros aos logros acadados polo Club de Lectura Baiolendo.

Na edición premiada foron sete os clubs de lectura organizados con protagonismo de 58 alumnos e alumnas. Neste premio recoñécese tamén o labor do profesorado encargado de coordinar o bo desenvolvemento de todo o proceso.

Todo un amplo elenco de actividades conformaron o encontro cos libros e coa lectura: recensións de libros; photocoll de Candorcas e unicornios, de María Canosa; encontros literarios (con Laura Suárez, Nee Barros, Arantza Portabales); fotografías que recollen a esencia literaria; encontros trimestrais compartindo doces e reflexións das lecturas realizadas; elaboración de marcapáxinas; creación de vídeos ao redor da lectura, roteiro literario…

Este recoñecemento outorga folgos renovados para seguirmos apostando pola lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, a entender a importancia do noso patrimonio cultural que tecen escritoras e escritores. Como finalizaba a memoria enviada ao Ministerio, “Cada libro ten unha luz. Cada lectura alumea un universo de resonancias. Baiolendo é iso e moito máis”

Nos vídeos que vos deixamos a continuación lembramos algunhas das actividades realizadas durante o pasado curso académico: o primeiro está constituído por fotografías que recollen a esencia dos libros lidos ou de encontros con escritores e escritoras; o segundo, por escenas da creación dun photocoll baseado no libro de Candorcas e unicornios de María Canosa, críticas literarias do alumnado participante e momentos de divertimento sacando fotos.