"Zas polo miudo" O alumnado de 2º de Bacharelato achegouse á memoria patrimonial e histórica do seu concello


 Na nosa Biblioteca comezamos este xoves a terceira edición do Mes do Libro cunha visita excepcional: os escritores Evaristo Domínguez e Xosé María Lema, moi queridos e coñecidos por ser da nosa comarca e cun grande coñecemento da mesma. Viñeron presentarnos o seu Zas polo miúdo, un exhaustivo estudo das dezaseis parroquias que constitúen o concello de Zas.    

Zas polo miúdo é un traballo pormenorizado de cada unha das parroquias partindo da súa xeoloxía e chegando ao seu patrimonio artístico, monumental, natural e paisaxístico, sen esquecer as festas ou as vivencias de persoeiros notables da zona (Os irmáns Romero de Lema, Enrique Labarta Pose, Martínez Posse) ou a presenza da comarca na literatura, sobre todo en Eduardo Pondal. Representa, polo tanto, unha marabillosa guía de viaxe no espazo permitíndonos descubrir recunchos abraiantes como as fervenzas de Rial de Abaixo e tamén no tempo, levándonos a coñecer os primeiros poboadores do concello.

En definitiva, grazas aos autores o alumnado do noso instituto puido acceder a aspectos moitas veces ignorados ou esquecidos da historia e do patrimonio de Zas. Coñecer as pegadas do pasado no presente é a mellor forma de implicarse na defensa, preservación e divulgación da memoria patrimonial e facer que se manteña viva.

O Equipo da Biblioteca agradece a xenerosa cesión de varios exemplares para a súa consulta na nosa biblioteca polo Concello de Zas.