Encontro literario con María Rei Vilas

    


O 23 de abril, día do libro, pechamos o ciclo de actividades do III Mes do Libro coa agradable e interesantísima conversa con María Rei Vilas sobre a súa novela Flores de ferro, unha novela que nos descubre a necesidade de indagar na busca da propia verdade para construír o futuro de cada un.  Ambientada en calquera lugar de Galicia, aínda que con claras referencias a moitos lugares e paisaxes da Costa da Morte, e con inspiración en feitos e personaxes reais, esta historia sitúanos nos terribles acontecementos ocorridos durante o golpe de Estado e a ditadura franquista e axúdanos a comprender as consecuencias que tiveron naquelas xeracións e nas seguintes, convidándonos a mirar dentro das sombras…

    María Rei transmitiulle ao alumnado a mensaxe principal da historia:  espertar, analizar a realidade que nos rodea, a que nos chega desde múltiples fontes, para ir descubrindo o camiño que nos conduce á construcción da nosa propia verdade persoal e con ela o noso propio futuro.  A actividade estivo repleta, igual que a historia narrada na novela, dunha marabillosa riqueza simbólica, comezando cunha exposición de obxectos representativos e evocadores do relato  e co visionado dunhas curtas audiovisuais realizadas polo alumnado de 1º Bacharelato.  A continuación, María Rei comezou a súa exposición agasallando a cada alumno e alumna unha pedriña de seixo da praia de Baldaio e ensinándonos a escoitar todo o que silenciosamente nos contan esas pedras;  así, con esta metáfora e a través da reconstrución vital que realiza a protagonista da novela, a escritora transmitiunos a necesidade de coñecer, analizar e comprender o noso pasado e a nosa realidade como base para construír o noso futuro:  “o camiño non é doado, pero paga a pena o que podes descubrir”.

    Foi unha xornada emocionante e de valiosísimas aprendizaxes, polas que estamos moi agradecidos a María Rei Vilas e ás súas Flores de ferro.