Iniciouse o encontro literario co alumnado de 4º da ESO co que, despois de visionar un booktrailer elaborado por varias alumnas sobre o libro Veleno en familia, produciuse un animado coloquio sobre esta historia de crimes onde todos son vítimas e verdugos. Centráronse, sobre todo, nas principais protagonistas da novela que son á vez as narradoras que poñen voz a esta historia na que se aborda a situación das mulleres na sociedade rural galega e a complexidade das relacións familiares.
Na segunda sesión a autora reuniuse con alumnos e alumnas de 3ª da ESO para comentar aspectos da súa novela recentemente publicada A afogada, -Premio de Narración Curta Ánxel Fole do Concello de Lugo- que, do mesmo xeito que a anterior, logra manter a intriga no lector ata o final. Falouse da mentira, do maltrato, das relacións familiares tóxicas... máis o tema que máis reclamou a súa atención foi o das altas capacidades da protagonista que mesmo derivou nunha reflexión colectiva sobre o tratamento nos centros de ensino do alumnado con estas características.
Agradecemos a súa presenza no noso centro e animámola a seguir escribindo historias de suspense que atrapan ao lector dende a primeira páxina.