EXPOSICIÓN "NÓS SOMOS ELAS"

NÓS SOMOS ELAS ”: PATRIMONIO E MEMORIA

            Dende a Biblioteca e durante todo o mes de maio convidámosvos a visitar a mostra itinerante “Nós somos elas”, promovida pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e pola área de Igualdade da Deputación da Coruña.

            A exposición é unha montaxe de 24 fotografías que retratan mulleres da Costa da Morte pertencentes a distintos períodos cronolóxicos do século XX ata 1970, principalmente. As fotos foron seleccionadas por recoller instantáneas protagonizadas por mulleres de todas as idades e polo seu rol antropolóxico de avoas, nais e fillas. Por seren o soporte dunha familia moitas veces esgazada en dous polo exilio e pola emigración forzosa. Nas súas facianas latexa a dureza dos tempos que lles tocou vivir. Cada imaxe do pasado vese homenaxeada por versos de poetas galegas do presente; voces consagradas como a de Luz Pozo Garza -falecida hai xa máis dun ano-, Helena Villar Janeiro, Pilar Pallarés, Olga Patiño ou máis novas como Berta Dávila, , Lucía Aldao, Rosalía Fernández Rial...

            O noso alumnado poderá gozar desta pequena mostra de fotografías das máis de 67.000 que compoñen o Arquivo Vidal, conservado no Museo do Mar de Laxe e así, pór en valor a fotografía como testemuña da nosa historia, como ferramenta esencial da nosa memoria. Realizará un percorrido acompañado de actividades didácticas sobre o significado da composición das fotografías, a súa motivación e función e, sobre as voces poéticas que representan o futuro.