PODCASTS POLA IGUALDADE DE XÉNERO

 O venres pasado o alumnado de 1º de Bacharelato participou nun taller de radio organizado polo Equipo da Biblioteca e impartido por Verónica Couto Tasende, técnica de Educación para o Desenvolvemento en Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social). Unha iniciativa máis da promoción de igualdade de xénero que levamos a cabo no Centro e que foi posible grazas ao Concello de Zas que a través do CIM (Centro de Información á Muller) nos fixo chegar esta interesante actividade. 

Na primeira parte do obradoiro Verónica explicou que é o discurso do odio, cales son os colectivos máis atacados, como se propaga (diferenza entre medios de comunicación e redes sociais) e a mirada crítica que debemos ter ante as mensaxes que nos chegan. Finalmente centrouse nunha das vítimas máis frecuentes: as mulleres e en como sofren o discurso do odio. 

Na segunda parte da actividade tiveron que realizar en grupo de a catro as súas propias cuñas radiofónicas en prol da igualdade de xénero para a continuación gravalas. Aquí o alumnado tivo que amosar a súa creatividade expresiva, unha correcta locución para falar na radio e amosar unha actitude positiva cara a igualdade de xénero.

Nalgúns casos a mensaxe publicitaria foi ben orixinal; poderedes xulgalo cando as escoitedes na radio do instituto en canto estean editadas pola técnica de Educación.