ANTE O ESPELLO DA HISTORIA, OLLADAS DE MULLERES EXEMPLARES
O Equipo da Biblioteca xunto co de Dinamización Lingüística conmemorou o Día Internacional da Muller, no que se reivindica a plena e real igualdade de dereitos entre homes e mulleres, organizando a exposición No espello emancipador de mulleres exemplares, coa que quixemos lanzar a nosa demanda -a través do recoñecemento- moitas veces silenciado pola vontade dunha historia controlada por homes- do papel dunha serie de mulleres relevantes -un total de 23- en diversos eidos da vida en sociedade: ciencia, literatura, música, política, arte... . Como consideramos que son dignas de emulación, 23 mulleres do IES -persoal non docente, profesoras e tres alumnas da materia de Igualdade de Xénero- quixeron honrar esas mulleres coa realización dunha performance artística en que imitaban a muller de referencia, tal como se pode comprobar nas fotografías que acompañan estas palabras. Ao mesmo tempo, un breve texto serve de referente didáctico para recoñecer a relevancia destas 23 mulleres ante a Historia.
Desde o distante 1911, cando Clara Zetkin auspiciara o que podemos cualificar como o primeiro 8M, foron moitas as datas pero, en substancia, a pesar das melloras, aínda se manteñen moitas desigualdades e situacións discriminatorias, polo que temos que seguir coas reivindicacións ata que academos a plena igualdade.
Podedes ver o documento fotográfico da iniciativa no vídeo que velaquí vos deixamos.